A CIG-Administración Autonómica considera positivo que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático dote de formación e medios especializados ás e aos axentes ambientais da UICON, pero critica que a presentación da nova Unidade de Investigación de Conservación da Natureza (UICON) se utilice para proxectar unha imaxe de excelencia mentres se mantén abandonada a negociación das condicións de traballo do conxunto da escala.
A UICON está integrada actualmente por oito axentes e a propia Xunta destaca a súa formación especializada e capacidade de resposta rápida. Mais parte destas funcións poderían ser desenvolvidas polo conxunto de axentes ambientais se a Administración proporcionase formación, medios e unha organización adecuada do servizo.
A CIG-Administración Autonómica considera que a unidade e a especialización, así como o apoio a axentes ambientais dos distritos, son fundamentais pero advirte de que, “para non quedarnos en pura propaganda, teñen claramente que reforzar a unidade e ao resto do persoal dotalos tamén de mais medios e formación así como avanzar cara a mellora dos dereitos laborais”.
Isto é o que vén demandando o sindicato, mais a realidade é que a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático “non volveu reunir a representación do persoal desde setembro de 2025, cando quedaron pendentes cuestións fundamentais como o plan formativo, a adaptación das quendas, os medios para actuar en emerxencias, os EPIs, as emisoras compatibles interconectadas co SPIF e co 112 e a negociación do regulamento de funcións”, explica.
Afondando na división da escala
Ao mesmo tempo, a CIG-Autonómica sinala que Medio Rural asinou este verán un preacordo que introduce subidas de nivel para parte do persoal axente do SPIF, “mais que afonda na división da escala e alonga ata 2029 a negociación das melloras das condicións de traballo dos -seus- axentes como a orde de horarios”.
Fronte a isto, defenden unha escala unida e en igualdade de dereitos, xa que as funcións e responsabilidades dos axentes ambientais “non poden depender da consellería na que estean destinados nin da unidade á que pertenzan”. Neste sentido, lembran que a Lei 4/2024, básica de axentes forestais e medioambientais, establece un marco común para o exercicio das súas funcións entre as que están as de policía, custodia e vixilancia do medio natural, con independencia da Administración da que dependan.
Por iso conclúen que non se pode utilizar ás e aos axentes ambientais “para facer propaganda mediante unidades de élite mentres se deixa sen resolver a situación destas -non teñen negociadas as dúas condicións específicas- e a do resto do persoal da escala. A protección do patrimonio natural precisa de unidades especializadas, si, pero tamén dun corpo de axentes ambientais suficiente, formado, equipado e con dereitos laborais. A Conselleira de Medio Ambiente debe negociar nas mesas XA a mellora das condicións laborais cun Acordo marco que recolla a todo o persoal axente ambiental”.