A Xunta non mobilizou os medios propios, con competencias ambientais, na crise dos pellets

CIG-Administración Autonómica afirma que hai máis de 3000 compañeiros/as que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar
Nacional - 17 Xan 2024

Un mes despois de que a Xunta coñecera a chegada destes residuos as praias non ten mobilizado a ningún medio propio (a maiores do habitual nesa zona en calquera época do ano) para o seu control, coordinación ou recollida aínda que á CIG-Administración Autonómica cónstalle que o persoal si llo pediu e ofreceuse voluntario.

A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, explica que a Consellaría de Medio Ambiente ten persoal de campo, vixiantes de recursos, peóns e oficiais de recursos naturais e axentes ambientais en todo o territorio. “Máis de 300 compañeiros e compañeiras que no caso de emerxencias ou traballos especiais poden actuar”.

En concreto sinala que no colectivo de persoal funcionario hai 107 axentes; 2 axentes ambientais; 2 axentes ambientais coordinadores; 19 axentes territoriais e 35 axentes zonais. E no colectivo de persoal laboral, 63 peón forestal; 3 técnicos/as ambientais; 15 técnicos/as superiores ambientais e 98 vixiantes de recursos naturais.

Xunto a isto, salienta que a Xunta conta con medios e vehículos e que “están preparados”. Matiza que, ademais, no caso das e dos axentes ambientais “pode activarse o período extraordinario cun sistema de gardas, polo que pasan a facer xornadas de 12 horas e poden mobilizarse por todo o territorio nacional”.

Denuncia que, porén, a consellaría de medio ambiente considerou que “non era necesario, ignorando as capacidades do seu propio persoal que poderían ter unha función relevante”, non só no control, senón tamén na coordinación de que as tarefas de limpieza non danaran áreas protexidas como os complexos dunares, especies catalogadas ou alteraran zonas de nidificación nestas contornas de alta sensibilidade ambiental. “Ángeles Vázquez na súa batalla política preferiu minimizar a crise ambiental e despois derivar a responsabilidade contra o Gobierno na vez de mirar para dentro e contar co seu propio persoal tanto técnico como o de campo”.

Para que contratar empresas?

Burgos engade a isto que “segundo a propia Administración, o persoal da Consellería do Mar e o persoal da zona da Consellería de Medio Ambiente si fan súas funcións en carteleira e zona habitual, sen activarse ningún reforzo porque non é necesario e non é un Prestige”. Por iso pregúntase entón “para que contratar empresas? Para que fan falla voluntarios/as? Para que pedir recursos da Administración do Estado?”

Zeltia Burgos subliña que ignorar ao persoal propio non é a primeira vez que sucede coa Consellería de Medio Ambiente de Ángeles Vázquez, pois “nos lumes que asolaron a Rede Natura ou mesmo os Parques Naturais, nestes anos, non activou nin sequera o período de gardas dos seus axentes ambientais (período extraordinario) para contar con maior cobertura de persoal, nin antes nin durante nin despois, para xestionar as posibles tarefas de restauración ambiental”.

Asegura que a conselleira, antes, ou ao tempo de contratar ao persoal de empresas públicas, como nestes días fixo con SEAGA e TRAGSA, “debería ter solicitado ao outro persoal de emerxencias que ten a Xunta por toda Galiza, comarca a comarca: os bombeiros e bombeiras forestais e o axentes ambientais da consellería da Consellería de Medio Rural, que traballan as 24 h todos os días do ano e poderían traballar desde a primeira chamada. E temos tamén a mais de 600 compañeiros e compañeiras fixos e fixas descontinuas en período de suspensión de contrato”. En síntese, máis de 3000 efectivos preparados en emerxencias no medio natural ignorados.

A responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica lermbra que no caso do Prestige si se mobilizou a todo este persoal, “tarde e mal, cando xa se autoorganizaran”. Por iso lamenta que non se aprendera desa experiencia. “A realidade é que non existe un protocolo nin unha planificación clara para estas emerxencias, sexan do nivel que sexan, máis cando hai que actuar rápido e a Xunta ten os medios, ten o persoal no territorio e ten o coñecemento”.