360.000€ para que o ensino privado poida contratar profesionais cos que a Xunta non dota os centros públicos

A Consellaría segue a incrementar os concertos mediante axudas á atención educativa

Nacinoal -

No DOG do 20 de xuño vén de publicarse a orde pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados de Galiza para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2018/19. Nesta orde destínanse 360.000€ para contratar persoal como logopedas, fisioterapeutas, axudante técnicos/as educativos/as, psicólogos/as, pedagogos/as, traballadores/as sociais, intérpretes de linguaxe de signos e coidadores/as, perfís, salvo este último que, aínda sendo moi necesarios e reclamados pola CIG-Ensino non existen no ensino público.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Xesús Bermello, denuncia que “mentres Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, negándose á negociación da recuperación de calidade educativa coa reposición, por exemplo das ratios, e mantén o recorte das afíns ou incluso do número de horas traballadas, dedica cartos ao ensino concertado para que poidan contar con estes perfís profesionais dos que non se dota os centros públicos”.

Destaca tamén que os centros concertados van poder contratar persoal que nin sequera os públicos de Educación Especial poden prestar ou contratar.
"Estamos pois, remata Suso Bermello, ante un caso flagrante de discriminación inaceptábel en favor do ensino concertado e un enésimo ataque do Partido Popular ao ensino público galego".

Estas axudas a centros privados concertados permítelles a estes centros, a máis da contratación de persoal, realizar reparacións, mantemento e obras ou instalacións así como comprar material funxíbel e non funxíbel.

Volver