A Xunta incumpre o compromiso coa diversidade funcional de Ourense

A plataforma pro-CAPD denuncia que o proxecto que presenta a Xunta é diferente do acordado
Ourense - 14 Nov 2016

A Plataforma pro-CAPD, que procura a creación dun centro de atención a persoas con diversidade funcional baixo xestión pública, vén de rexeitar o proxecto da Xunta por contravir as necesidades e demandas do colectivo. Advirten de que os planos da Consellaría de Política Social pretenden construir un centro ocupacional que non é o axeitado para os usuarios/as atinxidos/as.

Deste xeito, pais, nais e entidades políticas e sindicais -entre as cales se atopa a CIG- facían entrega esta mañá dun escrito no rexistro do edificio da Xunta en Ourense para explicar as razóns da negativa, que se produce unha vez coñecido o proxecto elaborado polos técnicos da Consellaría.

Entre elas, alertan de que se trataría dun “centro ocupacional con servizo de atención diurna e residencial”, modalidade que non é a máis axeitada fronte á proposta dun centro de servizos específicos de atención residencial, diurna e respiro familiar destinados a persoas dependentes con discapacidade física, parálise ou danos cerebrais.

Aínda así, matizan que non terían reparos en que se contemplen prazas ocupacionais para prestar servizo a un grupo máis amplo de usuarios/as como complemento do CAPD como “Centro de Atención Terapéutica-ocupacional”. 

A Xunta debe facer fronte aos compromisos adquiridos o pasado 19 de setembro

 Desde a plataforma indican que “non se entende a confusión da denominación do centro” ao demandaren unha modalidade “que xa existe nas outras provincias galegas”.

Por iso, advirten de que se non se trata dun “erro técnico” a Consellaría tería actuado de forma pouco honesta, ofrecendo á Plataforma “un centro distinto daquel co que se comprometera”. Alertan, deste xeito, que a Xunta “voltaría deixar a provincia de Ourense sen un CAPD cen por cen de xestión pública”, emprazándoa a facer fronte aos compromisos adquiridos e ratificados coa sinatura do pasado 19 de setembro de 2016.