"A Xunta Directiva da Cova da Terra está difamando as súas traballadoras"

A CIG de Lugo-A Mariña desmente rotundamente as acusacións da dirección da entidade contra dúas empregadas
Lugo - 16 Nov 2016

A CIG de Lugo-A Mariña desmente con absoluta rotundidade "as acusacións e difamacións" vertidas pola actual Xunta Directiva da Asociación "A Cova da Terra" contra dúas traballadoras, ás que acusa de apropiación indebida e administración desleal .

A realidade a respecto destas dúas traballadoras "é radicalmente oposta xa que son elas as que están a  sufrir unha serie de prácticas inadmisíbeis como modificacións salariais, de categoría, de horarios, impagos das nóminas e despedimentos".  Situación que se produce dende a toma de posesión da actual Xunta Directiva da que, engade Lois Neto, Secretario de Organización da CIG de Lugo, xa dimitiron 7 dos seus 10 membros.

A Inspección de Traballo sancionou a entidade con 6.000€ de multa

Para enfrontar estas decisións unilaterais da directiva e defender os seus lexítimos dereitos, as traballadoras teñen presentadas varias demandas nos xulgados do social. E non hai que esquecer que os reiterados incumprimentos por parte da Xunta Directiva propiciaron que a Inspección de Traballo levantara acta sancionadora á asociación, con 6.000€ de multa.

Desde a CIG considérase "absolutamente vergoñento" que a directiva dunha entidade como A Cova da Terra pretenda cargar sobre dúas traballadoras os problemas xurdidos pola súa nefasta  xestión que levou a entidade "a súa peor crise nos seus máis de 20 anos de vida".

Neste senso, denuncian as "prácticas caudillistas e ditatoriais, propias dunha patronal explotadora e do máis rancio".