A Xunta desenténdese do conflito entre o persoal de mantemento do CHUO e a empresa Ferrovial a piques de cumprirse 100 días de folga

Unha representación dos traballadores/as e da CIG-Industria acudiu ao Parlamento galego, onde se tramitou unha pregunta ao Goberno
Ourense - 06 Xun 2018

A Xunta de Galiza, a través do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, declinou intervir no conflito laboral aberto no servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) alegando que a Administración “non pode inmiscuirse nas negociacións entre traballadores/as e empresas”.

O conselleiro respondeu deste xeito a pregunta formulada pola deputada do BNG Noa Presas, que levou ao pleno as reivindicacións dun cadro de persoal cuxos representantes estiveron presentes na sesión celebrada este mércores acompañados polo secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, xusto cando están a piques de se cumprir 100 días do inicio da folga indefinida.