A Xunta declara o período de alto risco de incendios forestais co persoal de reforzo na casa

O sector de Autonómica demanda que sexa contratado por un período mínimo de 9 meses

Nacional -

O xoves 13 de abril comeza o período de alto risco -no que a loita contra incendios forestais se refire - declarado pola Consellería do Medio Rural. Porén, denuncia o sector de Autonómica da CIG-Administración, como xa é habitual, ao mesmo tempo que se declara a situación de alto risco por razóns de vento e previsións para os vindeiros días, non se activa ao persoal propio da administración destinado a este período.

As previsións meteorolóxicas levaron a Xunta a suspender todo tipo de queimas de restos agrícolas e forestais, xustificando a toma da decisión logo de analizar os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco do lume. Ademais, engaden dende CIG-Autonómica, pídese á cidadanía que extreme as precaucións. "É dicir, que a situación está catalogada pola propia Xunta a todos os niveis de alto risco de incendio forestal", subliñan.

Pero aínda nesta situación, os traballadores e traballadoras de reforzo para as tempadas de ato risco, pertencentes ao persoal propio do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural, "continúan sen seren contratados".

Unha vez máis, a CIG esixe que este persoal de reforzo deixe de ser tal e pase a ser contratado por un período mínimo de nove meses, tal e como recolle o Convenio Colectivo, e atendendo a propia lei de protección civil que inclúe ao SPDCIF dentro dos dispositivos de emerxencias,  "facendo que desapareza a estacionalidade do risco. Atallaríase así en boa medida este despropósito da improvisación continua na xestión da prevención e da defensa contra os incendios forestais aos que por desgraza tenos acostumadas a Consellería do Medio Rural", denuncian.

Volver