A Xunta de Persoal esixe a dimisión da Xerencia do Hospital da Costa

"As declaracións da dirección buscan desmobilizar a participación na manifestación de hoxe"

Burela -

O pasado xoves 28 de setembro, a Xunta de Persoal do Hospital da Costa mantivo unha xuntanza coa Xerencia Executiva na que se lle pedía unha posición clara e pública sobre o futuro da área sanitaria, mais dende a dirección evitaron posicionarse, “limitando a súa resposta a que tentarían manter a maior calidade asistencial 'dentro das súas posibilidades'”. Pois ben, hoxe, día no que a Plataforma en Defensa da Sanidade da Mariña ten convocada unha manifestación contra a reforma da Lei de Saúde, “a Xerencia si se posiciona claramente e faino público na prensa nun claro intento de desmobilizar á cidadanía, manipulando a realidade e proxectando unha imaxe que é ilusoria”.

Un proceder que a Xunta de Persoal rexeita ao entender que “non é admisíbel que unha compañeira que leva moitos anos neste hospital obedeza submisamente ordes políticas, indo contra os intereses da sanidade da Mariña e dos seus propios compañeiros/as. Por todo isto, vémonos na obriga de esixir a súa dimisión”, aseveran.  

Explica a Xunta de Persoal que na reunión do pasado xoves trasladoulle á Xerencia Executiva a petición dos profesionais do centro de ser convocados a  unha asemblea informativa antes deste xoves día 05, “a cal a día de hoxe podemos confirmar que foi desatendida. Parece que non merece a pena investir o tempo en falar cos/as profesionais que coñecen á perfección a delicada situación da nosa sanidade”.

Neste senso, o órgano de representación critica que na súas declaracións a Xerencia fala de que “en tres meses van facer o que non fixeron en catro anos, fala de consolidación de diversas prazas cando sabe que non foi por vontade propia, que foi unha imposición dunha sentenza Europea, recoñece que os marcapasos xa non se implantan aquí por falla de organización, minte cando afirma que as fimoses de pequenos nunca se operaron aquí, minte cando di que non aumentan as derivacións cara Lugo, a cidadanía que as padece ben o sabe".

"Minte sobre a fisioterapia respiratoria de lactantes xa que non son pequenos ingresados, son pequenos que están nas súas casas e de xeito ambulatorio son tratados en Burela de fisioterapia por problemas de mobilidade, sendo enviados a Lugo a facer a fisioterapia respiratoria, minte e manipula...”, aseguran nun duro comunicado de prensa.

Volver