A Xunta de Persoal Docente de Pontevedra mobilizarase diante de Educación contra a zonificación escolar de Vigo

A CIG-Ensino rexeita unha proposta que eliminará postos de traballo

Vigo/Pontevedra -

Delegados/as da Xunta de Persoal Docente desenvolverán unha concentración diante da Xefatura Territorial de Educación en Pontevedra este mércores 17 a partir das 11:15 horas para rexeitar a imposición da zonificación escolar de Vigo. Dende a CIG-Ensino amosan o seu rexeitamento a unha proposta que reduce de 10 a 4 a configuración das áreas e que suporá a eliminación de postos de traballo do profesorado.

Na CIG-Ensino de Vigo critican a proposta da inspección polo feito de que non se atopa debidamente fundamentada, xa que non inclúe análise da situación actual, exposición de motivos, criterios aplicados ou razóns que sustentan as decisións tomadas. “Trátase, en definitiva, dunha proposta arbitraria”, denuncian. 

Este cambio vai supoñer a eliminación de postos de traballo do profesorado

Ao mesmo tempo, consideran que as delimitacións zonais propostas non só non garanten a liberdade de elección de centro en igualdade de condicións, senón que ademais non abordan os problemas estruturais que ameazan a continuidade dalgúns centros públicos da cidade (por exemplo o IES de Teis). “Esta transformación vai significar a eliminación de postos de traballo do profesorado, coa correspondente diminución de prazas no ensino público, aumentando aínda máis a fenda entre o ensino privado e o público”.

Están de acordo no feito de que o concello de Vigo precisa unha nova zonificación, mais non deste xeito. “Non podemos admitir baixo ningún concepto que alumnado dos centros públicos se vexa privado, nalgúns casos, do dereito a cursar estudos secundarios en centros próximos aos seus domicilios, mentres este dereito se lle garante aos centros concertados”.

Inacción do Goberno municipal vigués

Ademais, segundo sinalan, chama a atención a inacción do Goberno municipal de Vigo neste caso, dada a transcendencia deste asunto para o futuro da cidade, “por iso esiximos a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal para abordar esta cuestión”.

Diante disto, convocouse un pleno extraordinario da Xunta de Persoal Docente para o vindeiro mércores 17 e unha concentración ás 11:15 horas diante da Xefatura Territorial en Pontevedra reclamando a paralización da proposta e a posta en marcha dun diálogo con toda comunidade educativa.

Por outra banda, preto de 20 colectivos sindicais, educativos, políticos e veciñais de Vigo, entre eles a CIG-Ensino, entregaron o pasado venres un escrito na delegación da Xunta no que rexeitan a proposta de zonificación escolar remitida pola inspección educativa e solicitan a súa paralización ao entender que tería graves consecuencias para o ensino público vigués.

Volver