• 18-01-17 ProtestaZonificacionVigoEducacionPontevedra01.jpeg
  • 18-01-17 ProtestaZonificacionVigoEducacionPontevedra02.jpeg
  • 18-01-17 ProtestaZonificacionVigoEducacionPontevedra03.jpeg

A Xunta de Persoal Docente de Pontevedra pide que se paralice a nova zonificación escolar do concello de Vigo

Colectivos da cidade volverán mobilizarse contra o proxecto este venres 19 na farola de Urzaiz

Vigo/Pontevedra -

A Xunta de Persoal Docente da provincia de Pontevedra, presidida pola CIG, decidiu no pleno extraordinario celebrado este mércores reclamarlle á Xefatura Territorial de Educación que paralice o borrador do proxecto de reestruturación das zonas de escolarización de Vigo, “cuxos datos veñen sendo filtrados á prensa nas últimas semanas,” para abrir un proceso dialogado que resulte nun documento “xusto e explícito, que facilite a escolarización nos centros públicos, asegure a igualdade de oportunidades e a continuidade dos postos docentes públicos”.

Dende o órgano de representación do persoal docente pontevedrés lembran que pola súa importancia para as familias, o alumnado, o profesorado e os propios centros educativos veñen demandando unha reestruturación da vella zonificación viguesa que contemple a realidade actual, ordenando a matriculación e garantindo a igualdade de oportunidades. “É fundamental para a continuidade e potenciación dos centros e, polo tanto, dos proxectos educativos e das unidades e postos docentes dos centros públicos”.

Entenden que esta reestruturación ten que considerar a desigual distribución do alumnado e dos centros para corrixir e minimizar os defectos estruturais existentes, dotándose duns servizos complementarios igualitarios, para centros públicos e concertados.

“O procedemento debe escoitar as partes afectadas desde o inicio, partir da realidade e das idades obrigatorias, e, establecendo uns criterios xustos e equitativos -incluído o básico de proximidade- dar como resultado un documento transparente, que conteña toda a información relevante e o máximo de consenso”.

Polo que consideran que o proceso de renovación das zonas de escolarización non pode interferir co proceso de admisión nin prexudicar de ningunha maneira a matriculación nos centros públicos.

Por último, lembran que a Xunta de Persoal Docente solicitou o borrador en diversas ocasións sen que se lle fose entregado. “A Xefatura Territorial asumiu que debemos recibilo, e con antelación suficiente (primeiro trimestre do curso escolar) ao proceso de admisión, “compromiso incumprido”. Diante disto, esíxelle “unha vez máis” que lle entregue oficialmente o documento.

Ao remate do pleno extraordinario celebrado en Pontevedra, os integrantes da Xunta de Persoal Docente desenvolveron unha concentración diante da Xefatura Territorial de Educación para facer visíbeis as súas demandas.

Nova mobilización en Vigo

Por outra banda, arredor dunha vintena de colectivos sindicais, educativos, políticos e veciñais de Vigo volverán mobilizarse este venres 19 para amosar o seu rexeitamento ao proxecto de nova zonificación escolar da cidade. A protesta, convocada pola Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas), terá lugar na farola de Urzaiz ás 19:00 horas.

Volver