A Xunta de Persoal do Hospital da Costa demanda o mantemento da área sanitaria da Mariña

Burela - 09 Ago 2017

A Xunta de Persoal do Hospital da Costa solicita a retirada inmediata do anteproxecto de Lei presentado na mesa sectorial do SERGAS, polo que se suprime a área sanitaria da Mariña. O órgano de representación dos traballadores e traballadoras denuncia que "o Partido Popular, unha vez máis, intente meter pola porta de atrás unha nova medida prexudicial para a nosa comarca, en pleno mes de agosto e establecendo 15 días para alegacións".

A Xunta de Persoal entende que o obxectivo do PP con esta reforma "é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais".

Área sanitaria propia

A Xunta de Persoal incide ademais na necesidade de que A Mariña sexa un área sanitaria propia, sen depender de Lugo como ocorre na actualidade, que xestione os recursos humanos, materiais e de infraestruturas e coordine a atención especializada coa atención primaria.

Unha xerencia de área sanitaria próxima, con funcións de identificación de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial, de saúde pública e saúde laboral e socio-sanitaria. Isto posibilitaría un modelo integral "que favoreza o coñecemento dos problemas de saúde da súa zona e, ao mesmo tempo, a eficacia e a continuidade da atención, co lóxico beneficio para os usuarios e usuarias", aseveran.