A Xunta de Persoal de Urxencias Sanitarias 061 rexeita o traslado á Estrada e a fusión cos servizos non sanitarios

A Consellaría de Presidencia anunciou a futura xestión integrada dos distintos números de urxencia e emerxencia
A Coruña - 17 Xun 2016
A Xunta de Persoal de Urxencias Sanitarias 061 volve manifestar o seu rexeitamento ao traslado á Estrada, mais tamén ao anuncio feito na prensa o pasado 14 de xuño pola Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no que se informaba da futura integración de organismos ou servizos de atención ás emerxencias. Esta fusión, alertan, “levaría consigo o desmantelamento do 061 tal e como está concibido”.

Segundo a nota de prensa emitida por Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza "o CIAE112-Galiza integrará ao sector seguridade (091, 062, 090), ao sector sanitario (061), ao sector asistencial, ao sector contraincendios e salvamento (080), ao sector ambiental (085), sector protección civil e sector salvamento marítimo".

Esta proposta contrasta co afirmado previamente polo conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, quen no transcurso dunha reunión con representantes da plataforma “Non ao traslado á Estrada”, negaron rotundamente a posibilidade dunha fusión dos servizos sanitarios cos non sanitarios.

“Os/as traballadores/as do 061 quedamos atónitos unha vez máis coa posta en escena do Sr. Rueda publicitando novamente o macroedificio, no que malgastan millóns de euros das e dos contribuíntes galegos sen necesidade algunha, e onde fai referencia á: ‘futura integración de organismos ou servizos de atención ás emerxencias baixo o concepto de Xestión Integrada dá Emerxencia (Axega-112, Urxencias Sanitarias-061, Medio Rural-085, Policía Autonómica-091, Servizo de Gardacostas, Protección Civil e Consorcios de Bombeiros)’”, afirma o Presidente da Xunta de Persoal, Mario Otero.

Diante deste anuncio, a Xunta de Persoal alerta do grave deterioro que para a asistencia sanitaria suporía a devandita fusión, “que levaría consigo o desmantelamento do 061  tal e como está concibido. A este respecto, explican que 0 061,  “máis que un número de urxencias, é un Centro Sanitario para toda a comunidade”, dende o que se dá resposta non só á emerxencia sanitaria, senón a calquera tipo de urxencia extrahospitalaria, así como á consulta médica telefónica.

Este sistema, engade, permite o acceso as 24 horas do día á poboación galega a un contacto directo co persoal sanitario para resolver calquera tipo de consulta sobre a súa enfermidade, medicación, probas sanitarias, etc.

Así mesmo, subliñan que a Consellería de Presidencia fala tamén dunha "nova plataforma tecnolóxica". Porén, lembran que o 061 desenvolveu unha plataforma propia, “elaborada polos seus propios traballadores e traballadoras, que é referencia no sector, e que supuxo un mellora indiscutíbel e demostrábel na atención do/a cidadá/á nos seus problemas de saúde”.

A Xunta de Persoal remata preguntando se dende a Consellería de Presidencia e a Consellería de Sanidade se pretende con este tipo de medidas “reducir a asistencia sanitaria dunha poboación cunha dispersión xeográfica tan importante como a galega, impedindo o seu acceso a un servizo que tantas satisfaccións dá á poboación”.

Nova relacionada: Persoal do 112 e do 061 entrega na Valedora do Pobo 11.238 sinaturas contra o traslado dos servizos de emerxencias á Estrada