A Xunta de Persoal da Fundación 061 acorda solicitar o cese da dirección pola súa actitude represiva e a nefasta xestión do conflito

Seguen as mobilizacións para esixir compensacións polo traslado forzoso á Estrada

Santiago -

A Xunta de Persoal estatutario acordou na reunión celebrada este martes solicitar o cese inmediato da dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitaria de Galiza-061 pola actitude represiva e a nefasta xestión do conflito laboral que se está a vivir no organismo. Así mesmo, a representación social decidiu pediu o amparo do presidente do Padroado da Fundación para que se respecten os dereitos dos traballadores e traballadoras, se cumpra cos acordos asinados e se abran vías de negociación reais.

O pasado 7 de agosto a dirección do 061 comunicaba a suspensión unilateral das reunións bimensuais ordinarias coa representación do persoal estatutario do servizo, da Central de Coordinación e das oficinas administrativas de Conxo, mentres non se desconvoque o paro indefinido que o persoal da Central está a desenvolver dende o pasado 1 de agosto contra o traslado forzoso ás novas instalacións da Estrada.

O comité de folga denuncia que esta decisión “só se pode entender como unha medida de represión contra os traballadores e traballadoras que intentan exercer o seu dereito legal á folga” e que ademais supón deixar sen interlocución sindical os traballadores/as da base de helicópteros, "que non participan do paro porque o seu centro de traballo non vai ser trasladado".

Inseguridade xurídica

Ao tempo que facía esta comunicación, a administración manifestaba a vontade de manter as reunións ordinarias cos delegados e delegadas de persoal do resto de centros de traballo da Fundación, para tratar temas que afecten especificamente á “Área Asistencia”. Así, o pasado 14 de agosto houbo xuntanza entre a dirección do 061 e os/as delegados/as de persoal, na que non puido participar a Xunta de Persoal da área de Santiago, a pesares de que boa parte dos temas abordados afectan aos traballadores/as da base de Compostela.

Neste senso, a representación da CIG subliña que a celebración da reunión excluíndo a Xunta de Persoal “pode xerar inseguridade xurídica sobre os acordos acadados ao afectar ao persoal que non tivo representación legal na negociación”.

Actitude represiva da dirección

Ante o desamparo xerado e a actitude represiva da administración, este martes a Xunta de Persoal acordaba solicitar o amparo do Presidente do Padroado da Fundación e o cese inmediato da dirección do 061, xa que á suspensión das reunións, hai que engadir “a ruptura unilateral por parte da dirección do acordo relativo as gardas localizadas de enfermeiros/as de consulta establecido no plan funcional do 061 e os constantes escándalos xudiciais nos que está envolta a Fundación Pública Urxencias de Galiza-061”.

A este respecto, dende a CIG reclámase á Fundación que mude a súa actitude antidialogante, abra unha negociación real co persoal afectado e abandone a improvisación coa que se está a realizar o traslado á Estrada, de maneira que se garanta un servizo de atención das emerxencias e urxencias de calidade.

Ademais, a representación social aprobou presentar denuncia na Inspección de Traballo por esta actuación e trasladar protesta formal á dirección do 061. A Xunta de Persoal resérvase tamén o dereito de impugnar os acordos acadados en ditas reunións se se consideran prexudiciais para o persoal da área sanitaria de Santiago.

Nova xornada de mobilizacións en San Marcos

Os/as traballadores/as da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 e de Grupo Norte, que xestiona a Central de Coordinación do servizo de emerxencias, continuarán mañá, mércores 29 de agosto, coas mobilizacións para esixir compensacións xustas polo traslado forzoso á Estrada. O persoal desenvolverá unha concentración, ás 12:00 horas, diante das instalacións de San Marcos (no mesmo edificio que ocupa a CRTVG) para esixir da Xunta solucións inmediatas.

Cómpre lembrar que o persoal estatutario está en folga indefinida dende o pasado día 1 de agosto, mentres que os empregados/as do centro de chamadas decidiron suspender o paro mentres teñen lugar as negociacións coa compañía.

Precisamente, na xornada deste mércores está prevista unha xuntanza entre o comité de Grupo Norte e a dirección da empresa para abordar as reivindicacións do persoal. De non producírense avances nesa reunión, as traballadoras e traballadores de Grupo Norte decidiron en asemblea retomar a folga e pedir a mediación do AGA no conflito.

Volver