A xunta de persoal da área sanitaria de Santiago alerta da situación do Hospital Gil Casares

Demandan que os orzamentos de 2017 inclúan unha partida para a reubicación dos servizos que se prestan neste centro sanitario
Compostela - 04 Nov 2016

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Santiago demanda que os orzamentos para 2017 inclúan unha partida para a elaboración dun proxecto que contemple e concrete a execución dunha infraestrutura para a reubicación dos servizos do hospital Gil Casares. Alerta da actual situación de incerteza na que se atopa tanto o seu persoal como as persoas usuarias por mor da construción do Campus da Saúde.

A construción do campus da Saúde (faculdade de Medicina, Enfermería e Odontoloxía) na contorna e espazo do Hospital Gil Casares está suscitando unha enorme incerteza entre as traballadoras e traballadores do hospital que descoñecen onde e como se van ubicar os servizos asistencias que presta: medicina interna, psiquiatría, coidados paliativos, dermatoloxía, atención temperá, cancro de mama, servizo de Rx e codificiación.

Por iso a Xunta de Persoal acordou solicitar xuntanzas con todos os grupos parlamentarios: PP, PSOE, En Marea e BNG para que se atenda a súa demanda de incorporar nos orzamentos unha partida específica que contemple a reubicación de todos estes servizos e que teñan en conta tamén os graves problemas de aparcamento que hai na actualidade na zona.