A Xunta de Galiza discrimina na carreira profesional ás súas traballadoras en redución de xornada por conciliación

A CIG-Administración Autonómica denuncia que “Facenda, por aforrar 2 pesos, incumpre toda a normativa de igualdade situándonos na prehistoria dos dereitos das mulleres traballadoras”
Nacional - 11 Set 2026

Traballadoras da Xunta de Galiza veñen de ver  denegado o grao de carreira profesional por non acadar o tempo necesario para a súa concesión, alias a súa antigüidade na Administración fora máis que suficiente. Unha vez conseguida a aclaración do departamento de Emprego público, a causa é que “o tempo en redución de xornada por conciliación non se esta a contabilizar, só se está a contar o efectivamente traballado.”

Dupla penalización

A CIG-Administración Autonómica non sae do seu asombro. “A propia Función pública discrimina na promoción profesional ás súas traballadoras por facer uso do seu dereito á conciliación, facéndoas caer na dupla penalización: redución de salario e redución na carreira profesional”, denuncia.

Por iso, pregúntase “Quen está ao mando deste barco? Quen controla que se cumpra a normativa de igualdade e non discriminación? Para que serve ter un Plan de Igualdade se non se cree na Igualdade? Quen da este tipo de ordes discriminatorias? Onde está a formación do persoal responsable e de traballadores/as en materia de igualdade para que isto non poida suceder?”

O sindicato cuestiona “a súa hipocrisía e falta de compromiso coa igualdade” e solicita que corrixan estas prácticas discriminatorias e que fagan real e efectiva a igualdade na Xunta de Galiza.

Denuncia no xulgado

De non ser así, advirten de que acudirán aos tribunais a denunciar á Dirección Xeral de Emprego Público e ao resto de Consellerías que non están a contabilizar a redución de xornada, por violación do dereito fundamental á igualdade por razón de xénero na promoción profesional e no salario.

A CIG-Administración Autonómica conclúe manifestando a súa desconformidade con que non se compute para carreira profesional como xornada completa as xornadas inferiores á ordinaria, da mesma forma que acontece nos trienios. “A antigüidade sempre é a xornada completa e existe numerosa normativa e xurisprudencia que así o recoñece”.