A Xunta aumenta o número e funcións do dispositivo privado de extinción de incendios forestais

O anuncio de contratación de brigadas e helicópteros privados publicouse no DOG o 11 de xaneiro

Nacional -

O sector da Autonómica de CIG-Administración vén de denunciar o aumento de funcións e tempo de traballo do dispositivo privado de extinción de incendios en detrimento do servizo público. Así consta no DOG do pasado día 11 de xaneiro, onde se publica o anuncio da contratación de brigadas e helicópteros privados  para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) para o período 2017/2018.

Segundo denuncia a CIG-Autonómica, a Xunta de Galiza volve así ampliar os contratos de brigadas helitransportadas privadas tanto no que se refire ao número de brigadas como á temporalidade do contrato. De feito e como reflicte o prego de prescricións técnicas, neste ano 2017, haberá brigadas prestando o servizo durante todo o ano, e tamén o mesmo que no 2016, parte delas destinaranse a prevención e a extinción.

“Analizando os pregos de condicións constatamos que o material a empregar polas brigadas privadas é exclusivo da extinción -batelumes, mochila, pulasky e mcleod-, non recollendo ningún tipo de maquinaria para facer tarefas de prevención” explican. “Trátase entón dunha cortina de fume para xustificar prolongación de contratos dunhas tarefas que ao final non chegan a realizarse. Serán brigadas de extinción no período de prevención, que non é o mesmo”, engaden.

Sinalan que a Xunta de Galiza mantén a día de hoxe parte do servizo Público do SPDCIF contratado con temporalidades de 3 e de 9 meses -no paro neste momento-, pasando a mans privadas contratacións de todo o ano. “Escudándose na falta de cartos prescinde das traballadoras e traballadores públicos do SPDCIF que si contan co material axeitado para realizar as tarefas de prevención, tal e como recolle o convenio, mentres non dubida en ampliar os contratos das empresas privadas que por suposto non son para nada máis baratos”, denuncian.

A CIG-Autonómica lembra que o SPDCIF é o servizo público creado e dimensionado para a realización das tarefas de prevención e extinción de incendios e asegura que agora “están deixando que este se desintegre en favor da continua externalización cara a empresas privadas, dando a entender que os cartos que si hai para estes fins non existen para o SPDCIF”.

Nesta nova contratación de 2017 a maiores increméntanse en catro as novas funcións a realizar polo dispositivo aéreo, entre elas inclúense: "avaliación de grandes lumes ou lumes simultáneos próximos, medición de superficies queimadas, localización de lugares de perigo alto de incendio en tempo real".

Varias destas funcións xa están asignadas e realizadas a día de hoxe por persoal propio da Consellería de Medio Rural. Por iso o sector da Autonómica non entende por que se duplica esta tarefa e se ofrece ao sector privado. “Podería quedar aquí unha porta aberta para absorber funcións do persoal da Xunta e incrementar así as tan cobizadas horas de voo”.

Lembra ademais que a CIG xa denunciou pola vía penal no ano 2012 este tipo de contratos estando a día de hoxe pendente de resolución xudicial e que o movemento que xerou esta denuncia trouxo como consecuencia un informe do tribunal de contas onde se reflectían, de forma clara, irregularidades nos procesos contractuais.

Volver