A Xerencia do Hospital da Costa evita pronunciarse sobre a supresión da área sanitaria da Mariña

Burela - 29 Set 2017

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Mariña mantivo onte, xoves día 28, unha xuntanza coa Xerencia Executiva do Hospital da Costa para abordar o anteproxecto de reforma de Lei de Saúde de Galiza que o PP quere levar adiante. Dende a Xunta de Persoal preguntaron cal á Xerencia cal e á súa posición con respecto á supresión da área sanitaria, se defende o mantemento da mesma ou pola contra apoia a súa desaparición.

“Dende a Xerencia evitan posicionarse a favor ou en contra e tan só afirman que seguirán defendendo a máxima calidade asistencial no Hospital da Costa dentro das súas posibilidades”, informan dende a Xunta de Persoal.

Para o órgano de representación “é a primeira Xerencia que non se pronuncia abertamente a favor da supresión da área sanitaria, como si fixo o Xerente provincial de Lugo, Ramón Ares, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro e o resto de cargos políticos do Partido Popular da Mariña”.

A Xunta de Persoal incidiu novamente ante a xerente executiva na necesidade de que A Mariña sexa un área sanitaria propia, "sen depender de Lugo como ocorre na actualidade, que xestione os recursos humanos, materiais, de infraestruturas e coordine a atención especializada coa atención primaria co lóxico beneficio para os usuarios e usuarias”.