A Xerencia da EOXI da Coruña continúa eliminando postos de traballo na atención primaria

A Coruña - 10 Out 2017

A atención primaria, a porta de entrada o sistema sanitario, continúa sendo castigada polos recortes do PP. CIG-Saúde vén de constatar que o centro de saúde de Arteixo, logo da mobilidade dunha profesional ao centro do Temple, queda sen a Auxiliar de Enfermaría da que dispoñía. Isto ocorre, denuncian, nun centro no que xa hai unha carga de traballo moi elevada, e nun concello no que a poboación está en continuo aumento. Ademais tendo ausencias doutras/os traballadoras/es do centro sen cobertura.

"Unha vez máis as políticas sanitarias do Partido Popular, aplicadas pola Xerencia da EOXI da Coruña, recortan persoal noutro centro de Atención Primaria".

A este respecto, CIG-Saúde lembra que a Atención Primaria estase vendo continuamente cos/as profesionais dos diferentes centros sen substituír, ou ben substituíndose a media xornada. "Esta situación, que debería ser a excepción, converteuse na regra", afirman. "Isto supón unha sobrecarga para os/as traballadoras e unha enorme diminución na calidade da asistencia que se presta a poboación, e mais cando é este nivel da atención a porta de entrada o sistema sanitario, a responsábel da acción preventiva que se da á cidadanía".

"Pero isto non parece importarlle moito aos nosos dirixentes sempre dispostos a atender a criterios de control de gasto e rendibilidade económica levando a un progresivo deterioro na Atención Primaria". Por iso, CIG-Saúde esixe á Xerencia o cese inmediato da práctica de eliminación de postos así como a cobertura inmediata da Auxiliar de Enfermaría do centro de saúde de Arteixo.