A VIII Asemblea da CIG do Porriño reelixe a Arturo Míguez como secretario local
A VIII Asemblea da Unión Local da CIG Porriño celebrada o pasado venres día 5 na Casa da Cultura da localidade e reelixiu a Arturo Míguez como secretario e renovou a Executiva que dirixirá o sindicato nos vindeiros catro anos.
Integrantes da Executiva da Unión Local da CIG da Porriño:
1. Arturo Domínguez Míguez.
2. Mercedes Domínguez Santomé.
3. Marco Sousa Ramírez.
4. Lucía Bargiela Rodríguez.
5. Amador Alonso Rodríguez.
6. Dolores Martínez Carracedo.
7. Salustiano Guerra García.
A lista de consenso que encabezaba Arturo Domínguez, a única que concorreu ao proceso, recibiu 33 votos, os mesmos que a súa candidatura á Secretaría Local. O Relatorio foi aprobado por unanimidade das arredor de 40 persoas que participaron no encontro. No documento faise fincapé no aumento da afiliación e nos bos resultados obtidos pola Unión Local no proceso de eleccións sindicais. En especial saliéntase o incremento en dúas grandes empresas do Porriño, pasando de 2 a 4 representantes no comité de Frigolouro, e na consolidación da maioría absoluta con 13 representantes en CZ Vaccines.
Entre os principais conflitos que a CIG protagonizou na localidade cítanse as mobilizacións polos despidos dos compañeiros de Faibus, Ojea ou Lonza, que remataron nos tres casos coa readmisión dos traballadores.
Tamén se recollen as protestas polas compañeiras acosadas e despedidas da Residencia Salvaterra, o acoso laboral en Drovi e as actuacións contra o abuso ao persoal falso autónomo de Servicarne co histórico recoñecemento da súa condición de empregados/as de Frigolouro, “así como as máis recentes concentracións do pacto de empresa do matadoiro que remataron nestes días en acordo”.
Ao mesmo tempo, denúnciase que os accidentes laborais rexistrados na comarca nestes anos “foron boa proba da falta de implicación das empresas e da administración na prevención de riscos e no coidado da saúde dos traballadores/as”. En concreto, sinálanse os catro mortais que tiveron lugar neste período, “fronte aos que a CIG actuou con rapidez e contundencia”.
Finalmente, incídese en que as reclamacións relacionadas con enfermidades profesionais como a silicose e os trastornos músculo esqueléticos “son unha constante fronte á que diariamente actuamos con total frustración”.