A Valedora do Pobo investigará irregularidades na adxudicación dunha praza na Escola de Restauración

A CIG-Ensino denunciou este “enchufe clamoroso” e solicitou a intervención da institución
Pontevedra - 18 Xan 2017

A CIG-Ensino presentou unha queixa na Valedora do Pobo pola adxudicación irregular dunha praza na Escola Superior de Restauración en Pontevedra ao considerar  que se trataba “dun enchufe clamoroso”. A Valedora do Pobo vén de comunicarlle á CIG–Ensino que seguirá investigando ao considerar insuficientes as explicacións da Administración e que quedan cuestións “que necesitan ser aclaradas para analizar a transparencia do proceso realizado”. Por esta razón a Valedora esíxelle á Consellaría que no prazo de 15 días remita información complementaria.

A Valedora sinala que a CIG-Ensino e o profesorado puxeron de manifesto que “existen indicios suficientes para cuestionar a legalidade dos feitos, o que convertería o acto administrativo que constitúe a adxudicación deste praza nun acto arbitrario”. Malia as explicacións dadas pola Consellaría de Educación, a Valedora afirma que seguen existindo as seguintes cuestións que cabería dilucidar para realizar unha investigación axeitada deste asunto:

  • “No centro aseguran que esa prazas nunca foi convocada. Efectivamente en anteriores convocatorias tamén consta no Anexo especificada a correspondente a especialidade de Conservación e Restauración de Documento Gráfico (código 506), sen embargo nunca foi cuberta dado que non existía a devandita especialidade, tal e como segue acontecer agora”.
  • “O centro non tiña coñecemento algún de que esa praza podería ser cuberta, se alguén tratara de informarse sobre que prazas podería haber vacantes na escola, nunca se tería informado sobre ela dado que ninguén coñecía tal dato”.
  • “Nas diferentes reunións mantidas entre a Consellería de Educación, sindicatos e persoal do centro falouse da posibilidade de ampliar a especialidade de ECRBBCC, obtendo da administración educativa unha retirada negativa. Sorprende neste sentido que non existira comunicación previa algunha ante a toma dunha decisión desta categoría”.
  • “Resulta de coñecemento público a cobertura da praza na publicación de vacantes provisionais, é dicir , cando os prazos de solicitude xa tiñan rematado”.
  • “Hai persoal do centro que ten a especialidade que a consellaría afirma conveniente para tratar de sopesar a posibilidade de crear unha nova especialidade de Documento Gráfico no centro”.
  • “Unha vez coñecida a cobertura da praza e ante as discrepancias existentes desde a consellería se lle asegurou ao persoal do centro que non habería modificación da plantilla xa que a persoa non ocuparía praza adxudicada por motivos de excedencia”.
  • “Actualmente Beatriz Seco González non imparte clases no centro de referencia ao ter concedida unha excedencia polo que non se está dando efectividade ás motivacións que constan no informa da consellaría”.

A vista do anterior, a Valedora entende que é necesario que a Consellaría amplíe a información inicialmente remitida e, en concreto, considera oportuno coñecer as canles de comunicación abertas coa ECRBBCC e coas partes interlocutoras nestes procesos para a “toma motivada e fundamentada” desta decisión así como os tempos e prazos manexados para que o proceso resultara transparente e conforme as boas prácticas administrativas.

Para a CIG-Ensino as consideracións da Valedora confirman as irregulares denunciadas xa que a Consellaría non puido probar ata o de agora que a decisión que tomou non foi totalmente arbitraria e irregular. Para a CIG-Ensino as explicacións remitidas pola Consellaría non fan máis que confirmar que estamos diante dun “enchufe clamoroso”.