A UTE adxudicataria da liña A Mariña-Viveiro-Ribadeo négase a subrogar a 15 traballadores/as

A Consellaría debe garantir o cumprimento dos pregos ou rescatar a concesión
A Mariña - 09 Ago 2017

As negativas consecuencias do plan de transportes de viaxeiros/as por estrada da Xunta estanse a notar dende o primeiro día: a UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez (que ten adxudicada a liña regular “A Mariña-Viveiro-Ribadeo, con anexos”) négase a asumir á totalidade dos traballadores e traballadoras de Arriva Noroeste que son sobrogábeis para este servizo.

O martes, as e as traballadores adscritos ao contrato de xestión deste servizo público compareceron nas oficinas de Autos Morán. Para a súa sorpresa, a UTE comunicoulles que non vai materializar a subrogación de ningún persoal de Arriva Noroeste, incumprindo así as obrigas do contrato no relativo á garantía de persoal.

Esta decisión deixa ao 25% do persoal subrogábel da empresa Arriva Noroeste na provincia de Lugo (15 traballadores/as) "sen ocupación e sen ningunha cobertura en canto á prestacións", denuncia o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López. A indefensión deste persoal é máxima xa que foron dados de baixa na Seguridade Social pola empresa na que viñan prestando servizos (Arriva), pero a nova UTE non asume a subrogación.

"Esta situación é intolerábel", asevera López, polo que a CIG xa puxo esta circunstancia en coñecemento da Consellería, esixindo a implicación de Transportes no cumprimento da obriga da subrogación do persoal pola empresa adxudicataria e, "no caso de non respectarse esta obriga, proceda ao rescate da concesión por incumprimento dos pregos".

Dotación económica insuficiente

Para o secretario da FGAMT-CIG Lugo-A Mariña estes feitos evidencian tamén a situación de conflito entre empresas pois, logo de licitárense contratos sen garantía a custes, "non son quen de asumir a carga social da cal eran sobradamente coñecedoras, independentemente do número de traballadores/as afectados/as, e demostra as actuacións temerarias de empresas na comunicación do persoal subrogábel".

A CIG advertiu en reiteradas ocasións que a dotación económica insuficiente dos contratos provocaría a medio prazo problemas no sector, e das dificultades na subrogación do persoal ás novas empresas, a causa do caos xerado pola propia Consellaría, xa que no apartado de persoal asumiu como subrogábel a todo o persoal que ía nas listas, sen comprobar se o número de traballadores/as se adecuaba ao marcado nos novos contratos.

"Lamentábel" actuación da Xunta

Neste senso, Christian López cualifica de "lamentábel" a actuación da Xunta, que mantén unha actitude pasiva mentres lanza mensaxes de normalidade no sector,  "cando se están constatando feitos como os denunciados". "Non asumir o 90% dos traballadores afectados pola subrogación dun contrato, ou suprimir abondosas liñas en toda Galiza sen que os/as usuarios/as teñan a menor información, son claros exemplos do que é “normalidade” para a administración galega, e pon de manifesto as dificultades que este tipo de situacións poden xerar no mantemento do emprego, comprometido pola propia Conselleira", critica.

No relativo ao servizo que se presta ás usuarias e usuarios, apunta que a Consellaría suprimiu liñas rurais sen achegar alternativas, que, en casos como a ruta Taboada-Currelos-Escairón-Ferreira-Monforte, están suxeitas exclusivamente á demanda até o inicio do curso escolar.

A CIG reitera o rexeitamento ao Plan de Transportes da Xunta, contra do que ten presentado alegacións, ao non articular adecuadamente o territorio galego nin atender as especificidades do noso país; mesturar no mesmo autobús escolares e viaxeiros/as de liñas regulares; e ter unha dotación económica insuficiente.