A terceira xornada de folga en Leche Celta rexistra un seguimento do 100%

O próximo xoves haberá reunión coa empresa para negociar o convenio

Pontedeume -

A terceira xornada de folga na factoría de Leche Celta en Pontedeume está a rexistrar un seguimento do 100%. Ao igual que nos días anteriores, o persoal mantivo unha concentración permanente durante as catro horas que dura o paro laboral (das 12 e ás 16 horas).

Logo de tres días de paros e de parálise da produción, a empresa por fin reaccionou e convocou unha xuntanza a tarde do próximo xoves para a negociación do convenio. Neste senso, dende a FGAMT-CIG agardan que a xuntanza sirva para desbloquear a situación actual, á que se chegou tras meses de negociacións nos que a dirección teimou por levar á mesa "propostas salariais ridículas".

O persoal de Leche Celta SLU está rexido na actualidade polo convenio estatal de industrias lácteas e logo de moito batallar, a representación social conseguiu que a empresa sentara a negociar un convenio propio que dignificara as condicións salariais e sociais das preto de 180 traballadoras e traballadores desta planta.

Arredor do 70% do persoal de Leche Celta é mileurista e o que se demanda na plataforma social "é un incremento dos salarios que os converta en salarios dignos", xunto cunha cláusula de revisión que garanta que se o convenio estatal sube por riba do incremento pactado, aplicaríase o incremento do convenio estatal máis o 1,5% .

Sobre a contía que se reivindica, o secretario Confederal de Emprego, Francisco Cartelle, subliñou que "esta suba está baseada nos números que desprenden as contas da empresa, que nos últimos exercicios obtivo beneficios millonarios. Pero destas ganancias as traballadoras e traballadores non viron un euro".

Volver