A suba dos prezos que a pague o capital

Nacional - 29 Set 2026

A medra constante dos prezos está levando á ruína á clase traballadora galega. Á suba da electricidade, dos combustíbeis e de moitos produtos de primeira necesidade hai que engadir os elevados custos da vivenda, unha grave deterioración dos servizos públicos e retroceso nas políticas sociais.

Fronte ao lamento, a CIG chama a reaccionar e á mobilización para facer fronte a esta situación e que non sexamos de novo, as traballadoras e os traballadores, as e os que paguemos, máis unha vez, esta nova crise. 

A CIG vén de lanzar unha campaña baixo o lema 'A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente'

Por iso, a central sindical vén de lanzar unha campaña baixo o lema 'A suba dos prezos que a pague o capital. Queremos vivir dignamente', que se desenvolverá nos próximos meses e anuncia a convocatoria de asembleas de delegadas e delegados para o día 8 de outubro e mobilizacións nas principais cidades o día 1 de decembro.

A CIG responsabiliza da suba descontrolada de prezos, agravada agora pola seca, ás guerras imperialistas e á ofensiva belicista dos EUA coa obediencia da UE e o entreguismo do Estado español. Unha inflación que está aumentando as débedas das familias e dificultando acceder a bens e servizos básicos.

Fronte a isto, o capital segue enriquecéndose e obtendo beneficios escandalosos. Unha situación diante da que os gobernos manifestan unha nula vontade para adoptar medidas contra o capital, que segue unha tendencia cada vez máis reaccionaria no social, no económico e no político.

Plan de Choque nos orzamentos de 2027

Diante desta situación a CIG reclama que a Xunta de Galiza e o goberno do Estado español inclúan, nos orzamentos de 2027, un Plan de Choque no que se articulen toda unha serie de medidas para frear a deterioración das condicións de vida:

-           Paralizar o aumento do gasto militar e anular o que se ten aprobado para destinalo á protección social, servizos públicos e ter un sistema público galego digno de atención ás persoas.

-           Intervención pública nos sectores estratéxicos, como o financeiro, enerxético, alimentación, vivenda e mobilidade para garantir uns mínimos de benestar social.

-           Fixar nos 1.374,74 euros mensuais o SMI con carácter retroactivo desde o 1 de xullo de 2026 para cumprir xa a Carta Social Europea.

-           Promover o dereito á negociación colectiva, o poder adquisitivo dos

salarios e as cláusulas revisión salarial conforme o IPC, garantindo a prevalencia dos convenios galegos fronte aos estatais.

-           Os gobernos fixarán por lei prezos populares en produtos básicos de alimentación, prezos xustos para quen os produce e actuarán contra quen especula.

-           Prohibir os desafiuzamentos, conxelar as cláusulas das rendas dos alugueiros e que non se apliquen as subas de xuros nas hipotecas.

-           Aprobar un Plan de acción que poña a disposición inmediata todas as vivendas da SAREB para os sectores sociais máis necesitados. Intervir o mercado da vivenda fixando os prezos máximos de alugueiro acordes co salario medio do lugar. Creación dun Banco Galego de Vivenda para alugueiro social.

-           Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade, que garanta a enerxía ao servizo do pobo. Aprobación dunha Tarifa Eléctrica Galega, abaratando a factura da electricidade e reforma do marco legal para limpar da factura os cargos que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico.

-           Fixación polo Goberno dun prezo máximo da gasolina e do diésel tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.

-           Reforzar os servizos de mobilidade aumentando as frecuencias, ampliando os horarios para facilitar os desprazamentos, reducindo as exixencias para o acceso a maiores descontos e ampliar os traxectos gratuítos.