A solución para Alcoa San Cibrao non está no xulgado, senón nas decisións dos Gobernos
As adopción de medidas cautelares constitúe un paso máis no proceso de loita contra os plans de peche de Alcoa, pero a solución definitiva está na intervención pública da fábrica e esa é unha decisión política que teñen que tomar o Goberno español e a Xunta de Galiza, atendendo así ao clamor da Mariña pero tamén aos pronunciamentos aprobados no Congreso e no Parlamento galego.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na vista das cautelares celebrada o 28 de outubro no TSXG quedou demostrada a falta de motivación e a mala fe de Alcoa neste proceso de despedimentos e, en particular, en todo o referido á decisión de parar as cubas de electrólise. “É obvio que Alcoa non ten máis preocupación que pechar a fábrica e evitar que se poida continuar coa produción de aluminio primario en San Cibrao, sen importarlle o desastre industrial e a destrución de postos de traballo que provoca”, denuncia.
A empresa non ten máis preocupación que pechar a fábrica e evitar que se poida continuar coa produción de aluminio primario
Pero permitirlle á multinacional parar as cubas significaría un dano irreversíbel nas capacidades produtivas e lastraría unha solución de futuro. Neste senso, Carril insiste que a saída para a fábrica “non está no xulgado como tampouco estaba na mesa do ERE, senón na actuación política dos Gobernos”. Por iso salienta a importancia de reunir a Mesa Multilateral e que se concrete un calendario de actuacións para a intervención efectiva da planta por parte da SEPI.
Reitera que este conflito é a demostración palpábel de que “somos vítimas da reforma laboral, pois de terse derrogado, Alcoa non podería decidir unilateralmente sobre a aplicación do ERE e a parada das cubas”.
De igual xeito, para Carril salta á vista a necesidade de cambiar as políticas para que sectores estratéxicos da economía sexan xestionados dende o público e non estean ao arbitrio de decisión de grandes corporacións multinacionais.