A solidariedade revolucionaria de Cuba

Manuel Mera - 03 Nov 2026

Por Angola pasaron durante dezaseis anos uns 300.000 militares cubanos, e o número de mortos ascendeu a 2.077. Non existe dúbida polo tanto da importancia do papel das forzas armadas de Cuba para garantir que a liberación desta colonia non fose ficticia, e terminase sendo controlada por un neocolonialismo, como sucedeu noutros países africanos

 En intres tan difíciles como os que está a pasar hoxe a poboación cubana, a solidariedade internacional é necesaria, urxente, para facer fronte ao grande cerco de Estados Unidos, e de países aliados (e outros forzados). Hai que lembrar que Cuba tivo un papel importante na loita anticolonial e ademais foi un exemplo de solidariedade cos chamados a países do “terceiro mundo” tanto na formación de profesionais, como coa presenza física especialmente de persoal sanitario e do ensino.

 Lembremos o caso concreto de Angola, país que o 11 de novembro cumpre o 51 aniversario da independencia, que foi conquistada despois dunha longa guerra contra a potencia colonialista, Portugal. Mais a historia deste país tería sido moi diferente, sen a axuda solidaria de Cuba, que evitou o triunfo dos Estados Unidos. Este serviuse da intervención dos exércitos de Suráfrica e Zaire, que pretendían impedir que gobernase o MPLA (Movimento Popular de Libertação de Angola). Non foi esta a única contribución solidaria de Cuba na África no eido militar. Lembremos a colaboración co goberno socialista de Etiopía (1977-1988) fronte á invasión somalí apoiada por Washington. Porén sen dúbida, destaca a solidariedade con Angola, tanto porque se alargou por un período de 16 anos (1975-1991), como porque as forzas cubanas tamén foron decisivas para a independencia de Namibia e Zimbabue, así como no remate do apartheid en Suráfrica.

 Respecto de Angola, a mediados do mes de outubro de 1975, tropas do FNLA (Frente Nacional de Libertação de Angola), do exército de Zaire e mercenarios portugueses, con armamento pesado e asesores sudafricanos e da CIA entraron pola fronteira norte. Polo sur, facía o propio unha columna de blindados de Suráfrica, que previamente ocupou a provincia de Cunene no mes de agosto co apoio da UNITA (União Nacional para a Independência Total de Angola), dirixida por Jonás Savimbi. O obxectivo destas tropas era tomar a capital do país, Luanda (500.000 habitantes), antes da declaración da independencia. Atendendo a solicitude de Agostinho Neto, o presidente do MPLA, e diante da invasión exterior, Cuba decidiu enviar forzas militares. Sería a chamada Operación Carlota. O 15 de novembro había xa 2.000 cubanos en Angola, e o 3 de febreiro de 1976 xa atinxían os 30.000. Ao mesmo tempo comezou a chegar armamento enviado pola Unión Soviética.

 Os angolanos e os militares cubanos fixeron recuar o exército surafricano 1.000 quilómetros até o punto de partida na fronteira con Namibia, forzándoos o 21-23 de xaneiro de 1976 a retirárense do país, agás nalgún enclave na fronteira, de onde o marcharían poucos meses despois. Para acadar esta vitoria, os cubanos destruíron as pontes sobre o río Queve, o 13 de novembro, freando o avance sudafricano, e forzas conxuntas do MPLA e cubanas emboscáronos en Ebe, o 23 do mesmo mes.

 O 8 de febreiro, cae o cuartel xeral da UNITA, en Huambo (antes Nova Lisboa, con 62.000 habitantes), segunda cidade de Angola e capital da estratéxica meseta central. Tamén foi importante a batalla por Cabinda (7.283 km2), enclave produtor do 80% do petróleo e afastado do resto de Angola polo Zaire (Congo). O 8 de novembro, o exército de Zaire e guerrilleiros do FLEC (Frente para a Libertação do Enclave de Cabinda) invadiron o territorio. Porén, foron vencidos o día 13 por forzas do MPLA con apoio cubano.

 A conflitividade non rematou coa declaración da independencia e a derrota da invasión externa.  Continuou en forma de guerra civil coa FNLA e a UNITA. Esta última contaría cunha forte axuda exterior, sobre todo de Suráfrica, que non deixou de intervir directamente; por exemplo en maio de 1978 atacando os campamentos de refuxiados de Namibia en Kasinda, causando 600 mortos e 350 feridos, a maior parte nenos/as e mulleres. “En agosto de 1981, os surafricanos iniciaron o operativo "Smokeshell" utilizando 15.000 soldados, blindados e avións, para avanzar 200 quilómetros na provincia de Cunene. O goberno de Pretoria xustificou a agresión como un operativo contra bases guerrilleiras da SWAPO, o movemento de liberación de Namibia, porén o obxectivo non declarado era crear unha "zona liberada" na que UNITA puidese instalar un segundo goberno de Angola, capaz de obter algún recoñecemento internacional. A eficiente resistencia militar angolano-cubana frustrou ese intento e sucesivos ataques nos anos seguintes.

 Por Angola pasaron durante dezaseis anos uns 300.000 militares cubanos, e o número de mortos ascendeu a 2.077. Non existe dúbida polo tanto da importancia do papel das forzas armadas de Cuba para garantir que a liberación desta colonia non fose ficticia, e terminase sendo controlada por un neocolonialismo, como sucedeu noutros países africanos.

 Por último, como un aspecto a lembrar e poñer en valor, está a cuestión da solidariedade, e o carácter exemplar de Cuba, malia todas as súas limitacións demográficas e económicas. E neste aspecto, moitas veces, cando se analiza a contribución de Cuba con Angola e Etiopía, a importancia da achega militar opaca a solidariedade no campo civil, especialmente no eido da saúde e do ensino, así como na formación de estudantes destes países en Cuba. Os dados que se barallan nos estudos sobre o persoal cubano que desenvolveron tarefas civís en Angola nese período varían moito; van dos 50 mil até os 100 mil. En calquera caso é unha cifra moi grande. Este persoal foi vital nun intre no que sectores enteiros dos servizos e da economía ficaron paralizados pola precipitada marcha dos colonos. Segundo o censo de 1980, residían en Portugal 505.078 colonos retornados, dos que 309.058 procedían de Angola e 164.065 de Mozambique. A estes retornados hai que engadir os colonos de Angola e Mozambique que emigraron a Suráfrica

 Sobre o papel solidario e revolucionario de Cuba reproduzo as palabras do Presidente de Angola, recollidas en El País co gallo da saída dos militares cubanos en 1991: "Durante moitos anos os internacionalistas cubanos fixeron unha contribución importante á defensa da independencia de Angola e axudaron a este país a resolver os seus problemas administrativos, sanitarios, educacionais e de construción, ademais de apoiar a súa defensa", dixo Dos Santos. Afirmou ademais que o líder cubano Fidel Castro mostrara unha solidariedade exemplar". Os esforzos cubanos quedarían rexistrados "na historia e ficaran na memoria de todos os angolanos honestos" (http://elpais.com/diario/1991/05/24/internacional/675036009_850215.html). A actitude solidaria continuou despois da evacuación das tropas cubanas.

 

[Galiza, 3 de novembro de 2026]