A SEPI despreza a Federación de Industria a pesar de ser a CIG primeira forza sindical en Ferrolterra

A federación de Industria reclama da sociedade estatal que atenda as solicitudes de xuntanza
Ferrol - 10 Abr 2017

A Federación de Industria da CIG amosa o seu malestar polo tratamento que recibe da dirección da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que non atenden as solicitudes de reunión cursadas pola central sindical para tratar a situación dos estaleiros da Ría de Ferrol, "mentres se reúne coas federacións de industria dos sindicatos CCOO e UGT".

Unhas xuntanzas, apunta o responsábel de naval da CIG-Industria, Emilio Cagiao, das que se tivo coñecemento polos medios de comunicación, ao igual que se soubo pola prensa das pretensión da SEPI de manter entrevistas coa representación do persoal dos distintos centros de traballo, no marco da negociación sobre o futuro plan industrial para Navantia.

Neste senso, engade que desde que o Partido Popular dirixe o Goberno do Estado, vai xa para seis anos, a dirección da SEPI nunca respondeu ás peticións de xuntanza que a Federación de Industria da CIG lle ten solicitado. A última foi enviada no mes de febreiro, poucos días despois do nomeamento da nova responsábel "e aínda estamos agardando pola resposta".

Afirma Cagiao que "non é de recibo este desprezo" a un sindicato que é a primeira forza, tanto en afiliación como en número de delegados/as, na comarca de Ferrolterra, onde están instalados dous dos centros de traballo de construción naval máis importantes do grupo e nos que a CIG ostenta arredor do 20% da representación.

Dende a CIG-Industria sinalan a conformidade con que se produzan xuntanzas cos/as representantes do persoal para resolver os diferentes problemas que os comités teñen denunciando, mais estas xuntanzas non deberían invalidar "a petición que ternos feito como Federación".

Sen dotación nos orzamentos

A CIG-Industria tamén amosou a preocupación pola falla de crítica do Goberno galego diante da ausencia de partidas económicas nos Orzamentos Xerais do Estado para a construción das fragatas F-110, ou para a construción dun dique para carenas que, de realizarse, dotaría de carga de traballo suficiente "para ocupar a máis de catro mil operarios/as durante varios anos". A xeración de postos de traballo é unha cuestión especialmente relevante nunha comarca que rexistra uns índices de desemprego alarmantes e ten unhas cifras de despoboación preocupantes.

Así as cousas, dende a CIG-Industria esixen o cumprimento da Lei da construción naval, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego, e na que se insta ao goberno da Xunta de Galiza a que participe no Consello de Administración de Navantia, "para así defender os intereses das e dos traballadores galegos e non que sexamos os últimos en coñecer, e polos medios de comunicación, o que outras persoas están a negociar por nós".