A segunda xornada de folga no gran comercio téxtil da Coruña rexistra un seguimento maioritario

Centos de traballadoras e traballadores manifestáronse contra o convenio que promove a patronal ARTE e para reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais
A Coruña - 07 Xan 2026

Coincidindo co inicio do período de rebaixas, as traballadoras do gran comercio téxtil da Coruña volveron masivamente á rúa este mércores para defender os seus dereitos e amosar o firme rexeitamento ao convenio estatal que a patronal ARTE pretende impor, xa que suporía “retroceder 20 anos”.

Vestidas de negro, portando un cadaleito e candeas, centos de traballadoras e traballadoras manifestáronse na cidade herculina representando o enterro simbólico do convenio provincial e canda el os dereitos laborais e salariais que a patronal ARTE (integrada polas grandes empresas como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, Kiabi ou Uniqlo) busca laminar co convenio que promoveu e que está a negociar en Madrid.

As propostas que hai enriba da mesa, advirte Lucía Domínguez, delegada da CIG, suporían "ir 20 anos atrás" nos dereitos que as traballadoras e traballadores do sector foron conquistando no convenio provincial ao impoñer salarios máis baixos (entre 2000 e 3000 euros anuais menos), eliminar calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reducir as licencias, suprimir a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introducir maior flexibilización nos calendarios e horarios e recortar incluso o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal.

Na última reunión da mesa, celebrada o pasado 10 de decembro mentres o persoal da Coruña estaba en folga e grazas precisamente á contundente resposta social, ARTE asumiu por primeira vez a prioridade aplicativa dos acordos interprofesionais de ámbito autonómico, polo que nesta xornada de paro xeral tamén se lle reclamou ás patronais provinciais que asinen un marco galego que permita blindar os convenios provinciais fronte á negociación estatal.

“Levamos máis dun mes agardando a que as asociacións empresariais galegas respondan e pacten un marco galego”, denuncia Domínguez, quen reclama un compromiso explícito da patronal “de non aplicarnos un convenio que é moito peor que o temos”. Lembra que a CIG trasladou esta petición a través do Consello Galego de Relacións Laborais e rexeitou que a patronal “se faga a desaparecida”.  

Ante a próxima reunión da comisión negociadora en Madrid, fixada para o 21 de xaneiro, a  representante da CIG reitera que traballadoras non están dispostas a aceptar nin un paso atrás nos seus dereitos e pelexarán “para evitar que o convenio ARTE entre na provincia da Coruña”.