A Sección Sindical da CIG entende que a sanción da Inspección a Repsol evidencia a falta de revisión e mantemento da refinería

A acta de infracción levántase por incumprimentos da normativa en materia de prevención de riscos laborais

A Coruña -

A Sección Sindical da CIG na refinería da Coruña considera que sanción que a Inspección de Traballo e a Xunta de Galiza veñen de comunicar a Repsol (mediante publicación no BOE do día 3 de outubro) evidencia que a empresa está incumprindo a normativa en materia de prevención de riscos laborais "por falta de inspección e mantemento das súas instalacións".

Como consecuencia deste abandono, subliñan, nos últimos anos téñense rexistrado na refinería seis grandes queimados e un falecemento. Accidentes que a Sección Sindical considera "intolerábeis" e, sobro todo, "evitábeis", na medida en que "son consecuencia do deixamento e de falta de inversión en mantemento e inspeccións".

De oficio a Inspección de Traballo e a Xunta sancionan a Repsol por incumprimento do protocolo de riscos laborais, logo do accidente do pasado 26 de xullo, no que unha traballadora resultou ferida con queimaduras no 50% do seu corpo e outro traballador resultou con queimaduras leves.

"Estas son as consecuencias de que unha gran empresa como Repsol non faga o mantemento adecuado das súas instalacións", asevera Alberte Ferreiro, delegado sindical da CIG. Ferreiro lembra que esta situación xa foi denunciada publicamente en numerosas ocasións e en conversas directas coa Inspección de Traballo pola Sección Sindical, a última precisamente tras do accidente do pasado verán, que agora motiva a sanción.

"Agardamos que estas sancións fagan por fin corrixir as eivas que ten a refinería en canto á mantemento e inspeccións das instalacións e se eviten así novas vítimas de accidentes, que non tiñan porqué terse producido e que resultan intolerábeis" conclúe. 

Volver