A sección sindical da CIG en GKN recolle 400 sinaturas en apoio da ILP contra a eucaliptización de Galiza

A compañía con sede en Vigo foi desaloxada durante a vaga de incendios do pasado 15 de outubro

Vigo -

A sección sindical da CIG en GKN Driveline (antiga Indugasa) recolleu en tan só dous días 400 sinaturas entre o cadro de persoal en apoio da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra a eucaliptización de Galiza, para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais.

Segundo indican dende a CIG-GKN, o sucedido o pasado domingo 15 de outubro marcou profundamente os traballadores/as da segunda empresa máis importante do sector da automoción galega, cuxas instalacións da Zona Franca de Vigo tiveron que ser evacuadas a causa dos lumes que ameazaron a bisbarra durante toda a xornada. 

A empresa foi desaloxada durante a vaga de incendios do pasado domingo 15 de outubro

Ademais, lembran que moitos/as empregados/as aos que non lles tocaba traballar ese día tiveron que apagar os incendios que se achegaban ás súas casas nas parroquias de Valadares, Matamá, Comesaña ou Coruxo ou nos concellos das Neves, Salvaterra, Pazos ou Ponteareas. “Mentres, recibían novas de que a fábrica na que traballan tiña o lume ás súas portas e non había medios de extinción exteriores que puideran botar unha man no caso de que a cousa se puxera máis seria, pois estaban atendendo as zonas urbanas”.

Explican que isto fixo que ao día seguinte a angustia e de cansazo se reflectise na cara dos operarios/as que estiveron toda a noite defendendo a súa casa mentres non sabían se o luns ían a ter en pé o seu centro de traballo.

Agardan recoller máis apoios

Como consecuencia, o grao de concienciación do cadro de persoal de GKN ante a “desorde” dos montes de Vigo e a plantación masiva de eucaliptos “é total e absoluta”. “Todos/as entendemos que o eucalipto e unha 'peste' que non aporta nada máis que o abandono do noso rural e do noso monte; porque os eucaliptos arden 3,5 veces máis que os bosques de frondosas, poñendo en serio risco as nosas vidas e os nosos postos de traballo; porque este modelo de explotación do monte ataca a biodiversidade do monte vigués e a dispoñibilidade de auga nas nosas parroquias”, sinalan.

Entenden que así se demostrou coa masiva recollida de sinaturas organizada recentemente por parte da sección sindical, que mesmo superou as expectativas iniciais. “Aínda agardamos coller moitas máis, pois os compañeiros/as seguen pedindo que lle deamos a posibilidade de asinar en apoio da ILP”.

Finalmente, dende a CIG-GKN solicítanlle ao alcalde de Vigo que declare o concello como “libre de eucaliptos, para non ter que poñer máis en perigo as nosas vidas, as nosas casas e os nosos postos de traballo”. Do mesmo xeito, reclámanlle á Xunta de Feijóo “que deixe de lexislar en favor de Ence e do cluster madeireiro e pense máis no pobo que ten o mandato de defender”.

Volver