A saúde é un dereito, enfermar non é delito!

Nacional - 22 Xun 2026

O Partido Popular, á fronte da Xunta de Galiza, aprobou a modificación do “Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal” (IT), seguindo o ditado da gran patronal, para converter as baixas médicas nun problema de control social e non nun problema de saúde laboral.

Por iso, a CIG ocupou, o pasado luns día 15 de xuño, edificios administrativos da Xunta e do SERGAS nas sete cidades galegas. Unha acción simultánea de protesta, baixo o lema “A saúde é un dereito. Enfermar non é delito”, para denunciar que, baixo o pretexto de combater o chamado “absentismo”, o goberno do PP o que fai é reforzar o papel das mutuas  e orientar a actuación da Inspección cara á aceleración das altas médicas. 

O chamado "absentismo" non é a causa do problema, senón o síntoma dun modelo laboral baseado na sobreexplotación, no avellentamento da poboación activa e nos recortes da sanidade pública

O PP, como parte da campaña de propaganda desenvolvida pola patronal e difundida día si, día tamén, polos seus medios afíns, pretende presentar as persoas traballadoras como responsábeis do incremento das baixas laborais.

Sobreexplotación laboral

A CIG leva meses denunciando que o chamado absentismo non é a causa do problema, senón o síntoma dun modelo laboral baseado na sobreexplotación, no avellentamento da poboación activa e nos recortes da sanidade pública.

PP e patronal facilitan que unha proposta de alta da mutua poida derivar nunha alta efectiva inmediata cando a Inspección considere suficiente a documentación presentada. Refórzase a capacidade de influencia destas entidades privadas, cuxo principal interese é reducir os custos derivados das prestacións por incapacidade temporal e incrementar o seu beneficio, nunca a saúde das persoas traballadoras.

A Xunta recoñece implicitamente o fracaso da súa política sanitaria ao xustificar unha maior intervención das mutuas polas demoras e listas de agarda existentes no sistema público. No canto de reforzar o SERGAS, aumentar persoal ou reducir os tempos de espera, opta por afondar na privatización da asistencia sanitaria, exactamente o que desde a CIG vimos denunciando nos últimos anos.

Reforzo da sanidade pública

Resulta tanto máis rechamante esta campaña cando, analizando os datos, se confirma que Galiza é a nación do Estado con menor número de persoas de baixa, ten unha clase traballadora avellentada, obrigada a prolongar a súa vida laboral, sometida a maiores ritmos de traballo e cun acceso máis lento á atención sanitaria.

Neste contexto, perseguir as persoas traballadoras enfermas e fortalecer o papel das mutuas non resolve o problema, trasládalle a presión ás e aos doentes.

Fronte ás políticas do PP, a prioridade ten que ser reforzar a sanidade pública, mellorar as condicións de traballo, reducir a xornada laboral e combater os factores que provocan enfermidade e desgaste laboral.