A revolución de 1846 e o banquete de Conxo

Manuel Mera - 21 Out 2026

O Banquete Democrático de Conxo, tamén sería lembrado moi especialmente polo galeguismo (o nacionalismo galego) que fixo da revolución de 1846 e deste evento dúas datas de referencia, xa que tiveron unha transcendencia que vai alén das consecuencias inmediatas

 A Xunta Superior do Goberno de Galiza remataba as súas proclamas coas verbas de: Patria e Liberdade!!! Era o ano 1846 e estaban asinadas por Pío Rodríguez Terrazo, como presidente; Xosé María Santos, representando a Pontevedra, e Ramón Buch, representando a Vigo, como vogais; e Antolín Faraldo como secretario. Deixaba en evidencia esta consigna, así como a cabeceira do periódico oficial da Xunta Superior La Revolución as arelas de consolidar sistema progresista e de autogoberno na Galiza, que definía como unha colonia da Corte, por parte de toda unha xeración de mozos e mozas, fronte ao goberno conservador e represivo de Narvaez en España, durante o reinado de Isabel II.

 O primeiro enfrontamento militar deuse en Cacheiras e a loita posterior nas rúas e casa a casa, corpo a corpo, en Santiago de Compostela o 23 de abril (data que non se pode esquecer), contaría coa participación destacada do Batallón Literario (estudantes) e moitos civís. Remataría a batalla co triunfo das forzas leais ao goberno de Madrid ao rematar coa munición os rebeldes. Poucos días despois da derrota da Primeira División caerían Pontevedra, Vigo e Lugo. As consecuencias, os fusilamentos en Carral o 26 de abril de Solís e once oficiais máis, a represión, a tortura, o moitos deportados a colonias (Cuba ou Porto Rico), outros exiliáronse en Portugal dunha morea de revolucionarios. Neste país irmán moitos serían recluídos en Peniche até o indulto decretado polo casamento da raíña.

 Pasaría un período de fame de 1852 a 1855, con motíns en varias cidades, para que unha década despois da Revolución de 1846 se convocase o Xantar de Conxo. Participaron neste banquete obreiros (artesáns) e estudantes, e Aguirre e Pondal recitaron senllos poemas nos que falaban de liberdade e igualdade social. A iniciativa foi de Aurelio Aguirre, poeta e estudante de dereito, con predicamento entre os artesáns da cidade de Compostela, e divulgador xunto a un fato de mozos de ideas socializadoras entre os obreiros, especialmente os tipógrafos de Pontevedra e Santiago de Compostela.

 O xantar fíxose o día 2 de marzo na carballeira de Conxo –daquela, concello- e mentres durou o acto o lugar estivo arrodeado por militares, por mor do medo que causou na xerarquía da igrexa, o goberno e a ‘xente ben de Compostela’. Temían que se repetisen os acontecementos revolucionarios de 1848 en París que encetaron cun acto semellante. Aguirre e Pondal foron denunciados como sediciosos e ameazados de seren deportados ás illas Marianas, no Pacifico, ademais de excomungados... que daquela non era pouca cousa.

 O Banquete Democrático de Conxo, tamén sería lembrado moi especialmente polo galeguismo (o nacionalismo galego) que fixo da revolución de 1846 e deste evento dúas datas de referencia, xa que tiveron unha transcendencia que vai alén das consecuencias inmediatas. Primeiro, porque implicaron a superación da represión conservadora de 1846. Segundo, é a primeira aparición pública, cun carácter político, da clase obreira galega. Terceiro, reflicte o carácter avanzado do galeguismo desde o seu primeiro agromar, establecendo unha relación directa coas revolucións nacionalistas e progresistas da época que procuran derrubar as vellas monarquías imperialistas; contra as que loitan estudantes, intelectuais e obreiros nas rúas de centro Europa. Cuarto, porque é  unha pegada contundente que chanta as bases políticas do galeguismo, do seu ideario (soberanía nacional, xustiza social, solidariedade, igualdade, democracia...).

 

[Galiza, 21 de outubro de 2026]