O 3 de febreiro de 1962, hai algo máis de 64 anos, o presidente Kennedy anunciou un embargo total sobre o comercio con Cuba, co que ampliou prohibicións adoptadas nos dous anos precedentes e se iniciou o carácter extraterritorial do bloqueo.
De entre os moitos crimes do imperio estadounidense contra países de Latinoamérica son de salientar as décadas de agresión contra a República de Cuba. Por estes días repítense as altivas declaracións do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, de que se vai apoderar de Cuba, facer con ela o que queira, ou que os cubanos, cheos de medo, van entregar a súa soberanía e esquecerse das súas tradicións patrias. Ao mesmo tempo, desprega naves de guerra preto das nosas costas.
Con abraio, o mundo viu como á hostilidade, ao acoso e ás agresións de varios decenios se suma agora un bloqueo enerxético, para impedir que compremos combustíbeis ou mesmo con accións de pirataría e incautación dos cargueiros que pretendan levar petróleo aos nosos portos. E pretenden xustificalo con acusacións infundadas e con argumentos insostíbeis que din que Cuba representa “unha ameaza inusual e extraordinaria” para a seguridade de Estados Unidos.
É unha acusación ridícula e á súa vez perigosa. Contradí as avaliacións realizadas durante case tres décadas polo Pentágono e o Comando Sur. A mediados da década de 1990, ante unha solicitude do Congreso, o Departamento de Defensa ianqui respondeu de forma clara que, na súa avaliación, consideraba a illa como unha ameaza nula, salvo que se producise un éxodo masivo cara aos Estados Unidos e á rexión.
O Índice Global de Crime Organizado, financiado polo goberno estadounidense, sitúa a Cuba no posto 168 de 193 países en termos de criminalidade.
Non vemos xustificación para unha acción militar contra Cuba. Cuba é un país pacífico. Non somos inimigos dos Estados Unidos. A Illa non alberga, non apoia, non financia nin permite organizacións terroristas ou extremistas; nin existen bases militares ou de intelixencia estranxeira no seu territorio, e nunca apoiou ningunha actividade hostil contra os EUA nin permitirá que desde Cuba se actúe contra outra nación. Non representamos ningunha ameaza.
A cooperación bilateral en materia de seguridade coa illa demostrou esta afirmación, cunha colaboración activa na interdición de narcóticos ilegais, o control da migración ilegal, a axuda en casos de desastres naturais e mesmo a eliminación de residuos tóxicos.
Unha agresión militar contra Cuba, ademais de criminal, orixinaría unha grave crise e inestabilidade na rexión. O que suceda con Cuba hoxe pódelle suceder a calquera país. Os propios Estados Unidos corren o risco de crear un foco de caos e inestabilidade na súa propia fronteira.
Unha vella pretensión
É sabido que, desde a súa fundación hai 250 anos, ese país anhelou e traballou para se apoderar de Cuba. A hostilidade dese goberno potenciouse co triunfo da Revolución de 1959, ao establecer esta unha política de rescate dos seus recursos nacionais e da súa soberanía, e ao dar ao traste co status neocolonial e dependente. Por iso, para os xestores da política ianqui deveu esencial acabar co mal exemplo soberano de Cuba e co noso dereito á autodeterminación.
Recorreuse a unha guerra económico-financeira brutal, á subversión, ao terrorismo, agresións militares, sabotaxes, o uso de mercenarios, plans de atentado contra Fidel Castro, introdución de virus para afectar a nosa produción agropecuaria e moitas outras accións que violan de maneira flagrante os principios esenciais do dereito internacional.
Foi unha ameaza inusual. Estamos falado da hostilidade sostida por parte do máis poderoso imperio da historia, situado na nosa veciñanza, a uns 150 kms.
Unha formulación oficial, o Memorando de Lester Mallory, Vicesecretario de Estado Asistente para Asuntos Interamericanos do Departamento de Estado, que se puxo á atención do presidente Dwight Eisenhower e datado 6 de abril de 1960, sintetiza as intencións para establecer o bloqueo, ao sinalar: “A maioría dos cubanos apoia a Castro… Non existe unha oposición política efectiva… A influencia comunista está a impregnar o goberno… Todos os medios posíbeis deben emprenderse con prontitude para debilitar a vida económica de Cuba… Realizar os maiores avances para negar diñeiro e fornecementos a Cuba, para diminuír os salarios monetarios e reais, para provocar fame, desesperación e o derrocamento do goberno…”[1].
O espírito daquela nota actuou coa forza dunha directiva contra Cuba levada a cabo e reforzada por catorce administracións, tanto demócratas como republicanas. O tenor xeral da posición dos EUA cara a Cuba é un enfoque de liña dura no que considera o seu patio traseiro ao estilo da Doutrina Monroe, e do seu temperán afán durante máis dun século por anexionar a illa.
Certamente, Cuba atópase agora no medio de grandes dificultades. Aínda que o goberno dos Estados Unidos sabe que os problemas que enfronta Cuba se deben, en gran medida, ás súas políticas de bloqueo ianqui, Trump incrementa a súa leria pois cre ver niso como unha oportunidade de se apoderar do noso país. Son realmente soños irrealizábeis, que se esvaerán como pompas de xabón.
O bloqueo económico, financeiro, comercial, de alcance extraterritorial, con sancións equivalentes a unha verdadeira guerra económico-financeira contra Cuba, é chamado por eles eufemisticamente un “embargo”. Xerou perdas de entre dúas e catro mil millóns de dólares anuais durante sesenta anos, aínda que non hai cifras para aquilatar a magnitude das dificultades e sufrimentos ocasionados á poboación cubana.
Durante un cuarto de século, ano tras ano, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas apoiou resolucións que emprazan os Estados Unidos e condenan a súa política do bloqueo. Foron votacións case unánimes, aprobadas por uns 180 países. Chile apoiou sistematicamente esas resolucións.
Algúns ámbitos concretos do bloqueo e o seu impacto
Non é unha cuestión de que Cuba volva ter ou non acceso ao mercado estadounidense. Teñamos en conta que:
– o asedio obríganos a comerciar coa maior desvantaxe, con prohibición de transaccións en dólares; obrigados ao uso de custosos empréstitos comerciais a curto prazo; limita o marco de fornecedores dispoñíbeis e encaréceos; restrinxen transaccións de terceiros países con insumos de procedencia cubana, e a Cuba adquirilos de calquera procedencia se conteñen valores de procedencia estadounidense; prohíbese a navíos acceder aos seus portos se fixeron escala nas nosas costas; non podemos acceder a tecnoloxías dos Estados Unidos nin, ás veces, á de ningún outro país desenvolvido; e tentan por todos os medios impedir calquera vía de ingreso de divisas ao país e frustrar canta oportunidade de negocio Cuba xestiona no mundo.
A arremetida esténdese a moitos outros campos. Funcionarios estadounidenses dedícanse a presionar, con ameazas de fortes sancións, a entidades privadas e a gobernos de todo o mundo para que se absteñan de se relacionar co noso país. O marco desa política tamén se estende á prohibición inconstitucional de viaxar a Cuba aplicada aos cidadáns estadounidenses, co fin de afectar a nosa industria turística.
Estes días as presións e o carácter extraterritorial do bloqueo intensifícanse. A comezos de maio, o presidente Trump emitiu unha nova orde executiva moito máis ampla, con medidas dirixidas contra calquera persoa ou entidade “estranxeira ou estadounidense” que opere en sectores vitais para o ingreso de divisas á illa. Trátase de subverter a orde interna, estrangular a economía e anular a capacidade de Cuba para relacionar o seu sistema bancario e a súa economía co resto do mundo.
A ofensiva imperial golpeou múltiples frontes: Visa e Mastercard deixan de operar na illa; mineiras canadenses e cadeas hoteleiras españolas foxen por medo ás sancións secundarias da administración Trump. Mais o país non está cruzado de brazos; búscanse e atópanse alternativas para resistir.
Nos últimos cinco anos unhas 250 novas medidas hostís foron adoptadas polo goberno estadounidense. Con cada nova administración se engaden novos pretextos e accións hostís en ámbitos que amplían a política de bloqueo. Entre eses ámbitos están o migratorio, tradicionalmente instrumentalizado para atacar a Cuba ou crear dificultades bilaterais. Deixaron de cumprir a entrega de visados fixada nos acordos migratorios bilaterais, mentres estimulan as saídas ilegais. Paralelamente, con gran o cinismo, Washington ameaza con fortes medidas se Cuba permite o fluxo migratorio desordenado e masivo.
Como parte do cerco, ten grande impacto a inclusión de Cuba nunha espuria lista de países de “países patrocinadores do terrorismo”, a cal serve de base a sancións contra Cuba e a terceiros países, moito dos cales se ven intimidados ante esa medida.
A complexidade das leis e regulacións do bloqueo potencia permanentemente a influencia da claque política e económica anticubana da Florida sobre os funcionarios electos e as maquinarias políticas nacionais de ambos os partidos do sistema.
Na retórica contra Cuba quedan relegados múltiples vínculos bilaterais que subsisten e son de beneficio mutuo para ambos os países; en materia de seguridade do tránsito aéreo e marítimo, loita contra o narcotráfico e o crime organizado, coordinación en materia de meteoroloxía; facilitar vínculos familiares entre os cubanos que residentes en ambos os países, e por suposto, no referente a mencionados acordos bilaterais para fluxo migratorio ordenado.
Hai moitas esferas válidas para un dialogo bilateral construtivo e son moitos nese país quen poderían beneficiarse cunha relación construtiva con Cuba. Por exemplo, sectores empresariais, exportadores agrícolas, firmas de capital e investidores con oportunidades de negocios existentes na illa; unha parte importante da comunidade de cubanos residentes nese país; centros de investigación e empresas farmacéuticas interesadas nos beneficios que poden derivarse dos logros científicos de Cuba neses campos, etcétera. Nese marco todo é posíbel; no pasado alcanzáronse moitos acordos e todos foron cumpridos por Cuba; non sempre pola parte estadounidense.
Hai que dicir, por outra banda, que certo grao de acompañamento desde o exterior foi importante para nosa resiliencia. Por momentos, a conxuntura latinoamericana foi un factor a considerar, quizais latente, pero que non pode ser ignorada nos cálculos do goberno dos Estados Unidos na súa política cara a Cuba e cara á rexión.
Obviamente, o obxectivo perseguido co bloqueo de render por fame o pobo cubano e provocar o derrocamento da Revolución non foi nin será alcanzado. Moi pola contra, catalizou a capacidade de resistencia dos cubanos e concitou unha maior simpatía e a solidariedade para con Cuba no resto do mundo.
Pero iso non debe agochar que ese fracaso no político foi acompañado por un impacto real, nefasto sobre a nosa sociedade e a nosa economía. Moito dano e sufrimento xerou para a nosa poboación, para o cidadán do común, o cal testifica o carácter criminal desa política anticuada, hipócrita e contraproducente.
Alén diso, o goberno cubano expresou unha e outra vez a súa disposición para o diálogo respectuoso e edificar un novo tipo de relacións cos Estados Unidos, de construír unha relación respectuosa. Esa disposición a dialogar sobre temas bilaterais foi reiterada por estes días polo presidente cubano Miguel Díaz Canel, á vez que se reitera que non pode pretenderse, nin por un momento, que Cuba renuncie aos principios da Revolución e o Socialismo, nin que realice concesións inherentes á súa soberanía e independencia, ou ceda no exercicio da súa política exterior comprometida coas causas xustas, a defensa da autodeterminación dos pobos e o histórico apoio a países irmáns.
Mentres o bloqueo e a hostilidade dos gobernos estadounidenses non se modifiquen e non se dispoñan a un trato respectuoso e de igual a igual entre os nosos países é, e será, sempre fundamental que Cuba e o pobo cubano sigan adiante, sen ceder no esencial da súa soberanía e demostrando a súa capacidade de manter a estabilidade, o desenvolvemento e a súa inserción económica co resto do mundo.
_____________________________________________________________________________
Nota:
[1] https://history.state.gov/historicaldocuments/frus1958-60v06/d499
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 12 de xuño de 2026]