A representación sindical acorda por unanimidade non asinar o ERE de Extel "porque non existen causas"

Este xoves concluíu o período de consultas, pero a Sección Sindical da CIG xa advertiu que loitará para que non se efectivice nin un só despedimento
A Coruña - 20 Out 2016
A representación sindical manifestou unha vez máis o seu rotundo non ao fraudulento ERE presentado por Extel, que hoxe deu por concluído período de consultas. O acordo que a empresa pretendeu até o último momento mercadeando coas contías económicas foi rexeitado polo conxunto da representación sindical que, por unanimidade, acordou non asinar o expediente.

Neste senso, dende a Sección Sindical da CIG subliñan que "o único acordo posíbel é a retirada do ERE e o mantemento de todos os postos de traballo". "Seguimos crendo que non hai causas que xustifiquen ningún despedimento. E por iso, hoxe, toda a representación decidiu por unanimidade non asinar este ERE". Unha decisión que a central nacionalista valora de xeito moi positivo.

Pola contra, a Sección Sindical lamenta que, a pesar da oposición frontal dos traballadores e traballadoras, a empresa proseguira no seu intento de despedir a 167 empregadas/os na Coruña, pois, nun desesperado intento por chegar a acordo, a patronal rebaixou pola mínima o número de persoas afectadas ao tempo que incrementaba as indemnización até os 33 días cun tope de 12 mensualidades.

Paradoxalmente, as últimas cifras de despedimentos manexadas por Extel supuñan incrementar a porcentaxe de persoas afectadas na plataforma da Coruña, xa que as 167 rescisións formuladas constitúen o 63% do total de despedimentos a nivel de estado, "o que supón un auténtico drama social".

Así as cousas, a Sección Sindical da CIG advirte que continuará dando a batalla para impedir que se efectivicen os despedimentos e que a loita no sector seguirá "até que Telefónica deixe de castigar as traballadoras e traballadores, e poña fin a súa política de acoso, despedimentos e precarización no sector".