A redescuberta da clase traballadora nos países ás dúas beiras do Atlántico Norte

Vicenç Navarro -

A utilización dunha mensaxe soberanista fronte aos poderes fácticos estranxeiros, cun discurso claramente antiestablishment con marcado acento de conflito coas estruturas do poder, está caracterizando a esta dereita, convertida na ultradereita

 Para alén do mérito ou demérito que poida ter a palabra populismo para definir o que está ocorrendo en gran parte dos países da Unión Europea e en EEUU (tema para outro artigo), a realidade é que este termo se está a empregar para agochar un fenómeno moito máis rechamante e importante, que é a necesidade de recuperar categorías analíticas que axuden a entender a realidade que nos rodea e que foron deliberadamente marxinadas polos establishments político-mediáticos de tales países desde os anos oitenta, tales como os conceptos e termos de clases sociais e conflito de clases.

 En cada un dos maiores eventos que supuxeron verdadeiros tsunamis políticos nos países ás dúas beiras do Atlántico Norte (os cales colleron por sorpresa ás súas establishments político-mediáticos), tales como a vitoria do candidato republicano Trump en EEUU ou o Brexit no Reino Unido, houbo un elemento en común: a mobilización da clase traballadora (clase social que supostamente desaparecera na análise e a narrativa de tales establishments) en contra de políticas públicas neoliberais impostas (e digo impostas pois non estaban nas súas ofertas electorais) por partidos gobernantes que estiveron aplicando as devanditas políticas, as cales estiveron danando enormemente o benestar e calidade de vida das clases populares, até tal punto que en EUA, por exemplo, a súa esperanza de vida foi descendendo como resultado da aplicación destas políticas.

 Nestes países, mediante os movementos que os seus establishments político-mediáticos definen como populistas, a clase traballadora xogou un papel chave no rexeitamento e mobilización contra tales políticas públicas, rexeitamento que se fixo extensivo aos devanditos establishments, percibidos correctamente como sensíbeis cara aos intereses dos poderes financeiros e económicos, e espectacularmente insensíbeis cara ao benestar das clases populares, que constitúen a maioría da poboación. Por iso é polo que unha característica destes movementos de rexeitamento sexa o seu profundo malestar coas institucións chamadas representativas, así como cos instrumentos políticos que historicamente estiveran ao servizo da clase traballadora (onde se orixinaron), os cales foron percibidos como parte daqueles establishments (e que cando gobernaron aplicaron as mesmas políticas que as dos seus adversarios políticos, representantes dos partidos próximos -e derivados- das clases dominantes). Nin que dicir ten que outras clases interviñeron nestes movementos tamén, incluídos sectores das clases profesionais e amplos sectores das clases medias que se foron proletarizando, consecuencia das políticas públicas neoliberais que afectaron tamén negativamente o seu benestar e calidade de vida. Pero a mobilización da clase traballadora fronte ás políticas levadas a cabo polos gobernos e instancias superiores (como as institucións de gobernanza da Unión Europea no caso de Europa, instrumentos das clases dominantes) foi determinante en tales movementos chamados populistas.

A redescuberta da clase traballadora polas dereitas e ultradereitas

 En realidade, a concienciación sobre este feito explica a resposta das estruturas de poder fronte ao protagonismo da clase traballadora, chegando ao nivel de que o Partido Conservador británico, dirixido pola nova primeira ministra do Reino Unido, a Sra. Theresa May (un dos partidos gobernantes na Unión Europea que aplicou con maior intensidade as políticas neoliberais), se erixiu no partido da clase traballadora (si, leu ben, así o definiu a Sra. May), recuperando, no seu discurso, a narrativa da loita de clases (a clase traballadora fronte aos establishments político-mediáticos británicos e europeos) que mesmo as esquerdas tradicionais abandonaran. A utilización dunha mensaxe soberanista fronte aos poderes fácticos estranxeiros, cun discurso claramente antiestablishment con marcado acento de conflito coas estruturas do poder, está caracterizando a esta dereita, convertida na ultradereita, nunha situación con trazos parecidos ao que ocorreu nos anos trinta do século pasado, cando apareceron e se espallaron o nazismo e fascismo, que hai que lembrar que se chamaron a si mesmos nacionalsocialistas.

 Unha situación semellante ocorreu en EUA, onde a mobilización da clase traballadora branca (que é a maioría da clase traballadora estadounidense) xogou un papel determinante na vitoria dun candidato, Donald Trump, que se presentou como o seu representante (“I love the little people, forgotten in this country”) fronte a un establishment político-mediático altamente impopular, e cun programa que tiña elementos atractivos para a devandita clase traballadora, como a eliminación dos tratados de libre comercio, que facilitaron a perda de postos de traballo en EUA.

 Esta situación de forza deste discurso de clase é un indicador máis do enorme custo que significou para as esquerdas tradicionais o seu abandono do discurso de clases, un baleiro que encheron as novas dereitas que habilmente o recuperaron para fins electorais que foron altamente exitosos. A copia mimética por parte das esquerdas dos termos utilizados polas dereitas, referíndose á maioría da poboación como persoas pertencentes ás “clases medias”, sen facer referencia á clase traballadora (que continúa sendo a gran maioría das clases populares) tivo os seus custos, habilmente utilizados polas dereitas, convertidas en ultradereitas.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 22 de decembro de 2016]

Volver