A proposta do CGRL evidencia que a patronal non ten razóns para negarse a incluír os acordos das auxiliares no convenio do metal

Organizacións sindicais e empresariais están convocadas a unha nova xuntanza o próximo 2 de outubro
Ferrol - 19 Set 2018

Na tarde do martes, representantes sindicais e da patronal provincial do metal acudían a unha xuntanza mediada polo Consello Galego de Relacións Laborais para tentar resolver definitivamente o conflito xerado na industria auxiliar de Navantia a causa do incumprimento unilateral por parte das empresas dos acordos salariais de 2001. Nese encontro, a presidenta do CGRL entregou unha proposta que contempla a incorporación dunha disposición adicional ao texto do convenio provincial do metal para darlle entrada así aos acordos que se pechen na Mesa do Naval de Ferrol.

A proposta, que avala as posturas defendidas pola representación social, está sendo analizada por ambas partes, que ficaron convocadas para unha nova xuntanza o vindeiro 2 de outubro. Nesa data tanto as organizacións sindicais como as patronais deberán contestar se aceptan ou non dita proposición. De tal xeito que, se ese día o empresariado traslada unha resposta positiva, abriríase o camiño para pór fin a un conflito laboral que se vén prolongando dende hai demasiado tempo e que o ano pasado desembocou nunha folga (convocada pola CIG e acordada nas asembleas de traballadores/as) que tivo paralizado o naval da ría de Ferrol durante 22 días. 

Solución axeitada, pero que require dunha mellora formal

A CIG-Industria de Ferrol considera "óptima" a solución de integrar no convenio provincial de siderometal os acordos que se pechen en Ferrol a través dunha disposición adicional, mais salientan que o aspecto formal desa proposta "debe ser mellorado para evitar problemas á hora do rexistro, e lograr que o texto goce de toda a forza legal que corresponde a unha disposición adicional do convenio".

Ademais, para a CIG-Industria o feito de que a proposta da presidenta do Consello para solucionar o conflito consista na integración dos acordos das auxiliares no texto do convenio, "evidencia a sen razón da negativa patronal, que tantas veces ternos denunciado, e súmase á posición das empresas auxiliares de Navantia (principais afectadas), deixando a patronal provincial sen argumentos para pecharse na súa negativa".

Incluír no convenio os acordos que saian da Mesa no Naval dotaríaos de eficacia normativa, permitiría regular as condicións dun colectivo de 2.0000 traballadores/as (que podería ser de 4.000 se os estaleiros estiveran a plena ocupación), impediría situacións de competencia desleal entre compañías a conta de tirar os custes salariais e evitaría ademais que, pola eventualidade que caracteriza o sector, os obreiros e obreiras tiveran que estar negociando o seu soldo cada vez que entrar nunha nova empresa.

A CIG reitera o chamado a Navantia e á Xunta

Por iso, e coa vista posta na próxima xuntanza, a central sindical reitera o chamamento a Navantia e á Xunta de Galiza para que realicen as presións necesarias sobre a patronal dende agora até o 2 de outubro, co obxectivo de  "rematar dunha vez por todas cunha situación que xa dura demasiado".

Neste senso, lembran tamén que, de non aceptar a patronal incluír os acordos no convenio, a CIG esixiralle ás empresas auxiliares que paguen de xeito inmediato os acordos, pois a negativa da patronal provincial "non pode servirlle de escusa a ninguén para manter a feira dos salarios do persoal da industria auxiliar".