A proposta da Consellaría de Educación de reducir o recorte de persoal na ESAD de Galiza "é insuficiente"

Haberá dous docentes menos no único centro de Estudos Superiores de Arte Dramática
Vigo - 02 Ago 2017

O pasado 24 de xullo notificóuselle oficialmente á dirección da ESAD de Vigo a redución de 6 profesores no “cupo" do centro; esta redución implica a destrución do modelo de ensino dun centro exemplar a nivel estatal. Finalmente na adxudicación de destinos provisionais do 31 de xullo esa redución quedou en 5. Agora a Consellaría comunicoulle á CIG-Ensino que a redución quedará en 2 docentes.

A perda deses postos de traballo repercute negativamente no nivel de atención individualizado que a ESAD lle dá ao seu alumnado, elemento fundamental, tal e como sucede no resto das Escolas de Arte Dramática, para a formación práctica.

Na mañá do 1 de agosto a CIG-Ensino entrevistouse co Subdirector Xeral de Persoal para lle dar traslado da oposición do profesorado do centro e do propio sindicato a esta medida tan regresiva para o persoal docente e para as ensinanzas que se imparten na ESAD. Na reunión, comunicóusenos que se acababa de “incrementar” o “cupo" do centro até 38 docentes (dos 35 nos que quedaba coa adxudicación de destino, con 34 persoas adxudicadas e o director do centro).

"A precariedade laboral toma forza, empurrada pola Xunta, nun sector, o dos estudos superiores, que debería ser garante da máxima calidade"

Na práctica, esa decisión supón que se perdan 2 postos de traballo, algo que a CIG-Ensino non comparte en absoluto e que forma parte da redución paulatina de prazas que vén executando nestes últimos anos o goberno de Feijóo. Un recorte de persoal que, por tanto, "non é máis que outro paso adiante da Consellaría de Educación no seu camiño de desmantelamento do ensino público, realizado a última hora e dun xeito unilateral", denuncian.

Hai que ter en conta que a redución de postos de traballo na ESAD implica, desde unha perspectiva laboral, o cese do persoal docente afectado, xa que todo é persoal interino. Estes despedimentos inscríbense, ademais, no proceso de acoso á ESAD vinculado ao seu activismo na procura das adscrición á universidade, ámbito cuxa regulación facilitaría unha xestión acaída para os centros de Ensinanzas Artísticas.

"A precariedade laboral toma forza, empurrada pola Xunta, nun sector, o dos estudos superiores, que debería ser garante da máxima calidade. Desde a CIG-Ensino trasladamos todo o noso apoio ao persoal afectado, á propia ESAD e a todos os colectivos que durante estes anos vimos defendendo que as ensinanzas superiores se adscriban á universidade e apoiamos o mantemento de todos e cada un dos postos de traballo actualmente existentes", asevera a Federación da CIG.

Cambios na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra

Outra modificación que a CIG-Ensino considera igualmente insuficiente é o incremento de 1 docente no cupo da Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, xa que implica a recuperación dunha das dúas prazas que inicialmente a Consellaría decidira suprimir. Igual que acontece coa ESAD, a aposta polos estudos superiores é incompatíbel cos recortes de profesorados. "Desde a CIG-Ensino demandamos da Consellaría de Educación que a rectificación sexa completa e restitúa para o curso 2017/18 a todo o profesorado que viña desempeñando as súas funcións tanto na ESAD de Vigo como na ERBC de Pontevedra".