A ANECA propón unha acreditación para o acceso á docencia universitaria pouco transparente e centralista

A CIG-Ensino entende que lamina a autonomía universitaria

Nacional -

Após consultar a comunidade universitaria galega, a CIG-Ensino manifesta o seu rexeitamento ao documento presentado pola ANECA, o pasado 6 de setembro, baixo o título “Méritos avaliábeis para a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios”. A proposta do Ministerio de Educación incide na burocratización e na centralización da carreira universitaria e pretende utilizar o sistema de acreditacións para converter a ANECA nun filtro ultraselectivo que adelgace o sistema universitario no seu conxunto, contravindo deste xeito o principio constitucional da autonomía universitaria.

Desde a central sindical deféndese a necesidade de fixar un sistema transparente, xusto e adaptado á contorna académica e á autonomía de cada Universidade e insístese en que a nova proposta favorece a desigualdade e a frustración entre o profesorado ao reducir a acreditación a áreas de coñecemento tradicionais e deixar fóra aquel persoal docente que presta servizos en distintos ao seu.

"Neste sentido debería existir certa homoxeneidade e proporcionalidade no nivel de esixencia dos requisitos mínimos entre as distintas áreas de coñecemento e, á vez, sería preciso contemplar as especificidades da carreira académica en cada área (ex. diferenzas na indexación científica, cargas docentes diversas, valoración das coautorías…), engaden.

Clasificacións

Para a CIG-Ensino, outra cuestión que pode incidir na desmotivación do profesorado é que se rompe co modelo actual, baseado nos sexenios de investigación, deixando fóra de xogo o persoal máis activo do sistema até agora. Así mesmo, a xerarquización mediante categorías adicionais (A, B, C…) pode derivar nunha clasificación entre “excelencia” e “mediocridade” que non entra dentro da lexislación existente para o acceso ás figuras de Titular de Universidade (TU´s) e Catedrático de Universidade (CU´s) e que pode dar lugar á discriminación dun profesorado fronte a outro.

Falta de transparencia

No documento existen grandes disparidades e desigualdades con respecto á cantidade ou á tipoloxía de produción científica avaliábel en cada bloque de coñecemento. Esta situación non permite saber cal é o valor real dos méritos a baremar, ao depender dos criterios de cada comisión avaliadora. Igualmente, introdúcese un compoñente de discrecionalidade cando moitos dos méritos avaliábeis non dependen do traballo nin da decisión do propio persoal docente senón do contexto ou do centro no que desempeñan o seu traballo.

E, por último, detéctanse criterios pouco realistas e difíciles de acadar en canto á cantidade e á autoría de publicacións, así como á velocidade de produción de méritos; perfís multidisciplinares, sobre todo en investigación, que quedan á marxe das categorías de clasificación, etc.

Anulación do RD 2015

Así pois, tras a análise do documento coa comunidade universitaria galega, a CIG-Ensino ratifícase na súa petición de anular o Decreto 415/2015 e de continuar co sistema vixente até 2015, á espera de negociar un novo sistema de acreditacións. En calquera caso, como non pode seguir a situación de parálise actual e é preciso darlle unha saída ao persoal docente que está pendente das súas acreditacións, insiste en que os criterios que empreguen todas as comisión se fagan públicos e se aproben mediante disposicións que permitan o seu posible recurso.

“En ningún caso -conclúen desde o sindicato-, poden seguir existindo documentos complementarios que empregue o tribunal avaliador e que non sexan coñecidos polos solicitantes”.

Volver