A primeira xornada de paro obriga a CRTVG a emitir programación ‘enlatada’

O comité intercentros calcula que o seguimento foi dun 80%
Nacional - 20 Nov 2018

A primeira xornada de paro na CRTVG, de 12:30 a 14:30, foi secundada polo 80% do persoal. O enorme seguimento provocou que programas como ‘A Revista’ non puideran saír ao aire e que, no seu lugar, tivera que emitirse programación pregravada. Entre mentres, ás portas das instalacións da CRTVG, en San Marcos, concentrábanse unhas 150 traballadoras e traballadores, en protesta contra a manipulación informativa e o desmantelamento dos medios públicos da Galiza. Na quenda de tarde repetíase a situación e tamén a mobilización do persoal.

Tal e como estaba previsto os paros realizáronse, nesta primeira xornada, por franxas horarias de 2 horas por quenda e volverán a repetirse os días 22, 24, 26, 28 e 30 de novembro e o 2 de decembro. A folga abrangue a todos os centros de traballo do territorio galego e con el as e os traballadores reclaman a recuperación da produción propia interna da CRTVG e que se suprima a externalización da produción e dos servizos.

Demandan ademais a negociación da dimensión do cadro de persoal necesario para a prestación do servizo público en todos os centros de traballo; que se garanta o mantemento do emprego e que remate a contratación mercantil e de colaboradores/as que encobren relacións laborais ordinarias. Isto xunto coa fin da utilización fraudulenta da contratación en prácticas e da desviación da natureza dos contratos de formación e FEUGAS.

O persoal reclama tamén que se garanta o exercicio dos dereitos de conciliación da vida laboral e familiar segundo o artigo 33.4 do convenio colectivo e que se negocie de forma efectiva o Plan de Igualdade.

Denuncia da manipulación informativa e da represión

As traballadoras e traballadores da CRTVG exixen que se poña fin á política represiva e que se erradique a manipulación informativa dos medios públicos galegos, ademais cumprimento da Lei 9/2011 de Medios Público de Comunicación Audiovisual de Galiza: creación do Consello de Informativos e Estatuto Profesional.

A convocatoria de folga coincide cun momento de mudanza no ente público, cuxa implantación tivo xa como consecuencia a supresión do Diario Cultural, na Radio Galega, e das desconexións territoriais para a emisión de información local amparándose na dixitalización e a transversalidade dos contidos audiovisuais. Unha mudanza para a que o Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, xa adiantou que virá acompañada de flexibilidade organizativa e laboral.