A primeira xornada de folga na Administración de xustiza galega rexistra un seguimento do 85%

Dende a CIG valoran moi positivamente a incidencia do paro e salientan o éxito das mobilizacións celebradas nas sete cidades
Nacional - 01 Dec 2017

O primeiro día de folga dos dous convocados na Administración de xustiza galega para rexeitar o desmantelamento do sector e reclamar unhas condicións laborais dignas rexistrou un seguimento do 85% no conxunto do país. Dende as centrais promotoras valoran moi positivamente a incidencia do paro, que provocou o peche de numerosos centros de traballo, e salientan o éxito das mobilizacións desenvolvidas durante a xornada nas sete cidades.

Os sindicatos convocantes, entre eles a CIG, explicaron que decidiron continuar adiante coa folga, á que estaban chamados/as uns 2500 traballadores/as, ante a falta de negociación por parte da Xunta de Galiza. Se nada cambia, o vindeiro día 13 de decembro terá lugar unha nova xornada de paro.

Dende o sector de Xustiza da CIG-Administración cifraron nun 85% o seguimento da folga, que provocou o peche de numerosos centros de traballo como Xulgados e servizos de notificacións e de atención ao cidadán. Ademais, salientaron o éxito das mobilizacións convocadas nas sete cidades galegas, en especial as manifestacións que tiveron lugar en Vigo e na Coruña.

A maior porcentaxe de seguimento rexistrouse en Vigo e Pontevedra, cun 95%, mentres que na Coruña e en Ourense foi do 90%. En Lugo, Ferrol e Santiago esta cifra atinxiu o 75%. Pola súa banda, a Xunta rebaixou o seguimento do paro até o 50%, un dato considerado “totalmente falso” polas centrais convocantes.

Por unhas condicións laborais dignas

Entre os principais motivos que levaron á convocatoria de folga citan “unhas condicións laborais dignas de denunciar, con falta de medios humanos e materiais”.

Neste senso, lembran que nos últimos anos, mentres os expedientes aumentaban, reduciuse persoal e non se crearon novos Xulgados. “A isto hai que sumar que somos a Administración máis arcaica de todo o Estado, con sistemas informáticos impropios do século XXI”, indica o responsábel da CIG-Xustiza, Xesús Sánchez Costa.

Ao mesmo tempo, sinala que o persoal de xustiza galego é o segundo que menos cobra do conxunto do Estado, “ademais de permitirse que nun mesmo centro de traballo coexistan persoas ocupando o mesmo tipo de posto e desenvolvendo as mesmas funcións pero cobrando distinto”.

A isto hai que sumar que, a diferencia do que sucede noutras partes do Estado, as baixas por enfermidade son castigadas con descontos salariais sen que a praza desocupada se cubra por outra persoa, producíndose un enriquecemento da Administración que non reverte na mellora do servizo.

“Todo isto repercute moi negativamente non só nos traballadores/as, senón tamén nos cidadáns/ás, xa que nestas condicións é moi difícil que o sistema xudicial funcione correctamente e que a xustiza sexa un verdadeiro servizo público, áxil e eficaz”, polo que que insta a rematar dunha vez coa discriminación do sector en Galiza.