A primeira xornada de folga indefinida no 061 rexistra un seguimento maioritario

O persoal estatutario aproveitou para mobilizarse diante da central de emerxencias en San Marcos

Nacional -

A primeira xornada de folga indefinida no 061 para rexeitar o traslado das instalacións dende Santiago á Estrada sen unha compensación xusta rexistrou hoxe un seguimento maioritario entre o persoal non sanitario, mentres que o sanitario estivo suxeito aos servizos mínimos do 100% decretados pola Xunta e que foron recorridos no Xulgado.

Con todo, algúns traballadores/as sanitarios participaron tamén xunto aos non sanitarios e aos delegados/as sindicais na concentración que se desenvolveu esta mañá coincidindo cos paros convocados (de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:000 horas todos os mércores, domingos e festivos) diante das instalacións da central de emerxencias en San Marcos, no mesmo complexo que a CRTVG. 

Reclaman unha compensación xusta polo seu traslado forzado de Santiago á Estrada

Dende o comité de folga lembran que continúan á espera de que o Xulgado resolva o recurso presentado contra uns servizos mínimos que consideran abusivos xa que impiden o seu dereito á folga.

Ademais, censuran a actitude dos responsábeis do 061 despois de que lles obrigasen a retirar do seu centro de traballo cartaces alusivos ao paro laboral, polo que están a estudar se emprenden accións legais contra esta decisión.

Pola súa banda, o persoal da Central de Coordinación 061 de Urxencias Sanitarias, que xestiona a empresa Grupo Norte, iniciará a folga indefinida este sábado día 4, que se desenvolverá mediante paros parciais todos os luns, sábados e festivos de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.

Volver