A práctica totalidade do persoal de Vertifil secunda os paros parciais para reclamar melloras laborais

Os traballadores/as da empresa de Moraña aproveitaron a xornada para mobilizarse diante das instalacións
Moraña - 08 Nov 2023

A práctica totalidade do cadro de persoal da empresa Vertifil de Moraña secundou hoxe os paros parciais para reclamar melloras laborais. Os traballadores/as aproveitaron a xornada de mobilización para desenvolver concentracións diante das instalacións da compañía con sede no polígono industrial de Mirallos.

Os paros de dúas horas por quenda de traballo (de 5:00 a 700h e de 13:00 a 15:00 horas) convocados polo comité de empresa (3 delegados/as da CIG e 2 da CUT) tiveron un seguimento practicamente total por parte dos 69 empregados/as, xa que unicamente dúas persoas optaron por non secundalos.

O cadro de persoal decidiu levar a cabo a medida de protesta -que incluíu tamén concentracións ás portas da empresa- tras os intentos de negociar coa dirección unha serie de melloras das condicións de traballo e para evitar máis despedimentos e novas reducións de persoal.

En concreto, reclaman que se respecten os ratios de persoal por seccións, se adecúen as categorías profesionais, se free o aumento inxustificado dos ritmos e das cargas de traballo e se adapten os salarios á actividade e o desenvolvemento profesional na empresa. “Pero a empresa só nos dá largas ou a calada por resposta, polo que entendemos que non ten intención de chegar a ningún acordo nestas materias”, sinalan dende o comité.
Neste senso, adiantan que barallarán a convocatoria de novas protestas no caso de que Vertifil non se amose disposta a negociar as reivindicacións do cadro de persoal.

Fabricación de tecidos

Vertifil leva a cabo todo o proceso produtivo destinado á fabricación de tecidos screen para a protección solar no sector de compañías téxtiles de confección de cortinas, toldos, tapicería, hamacas e mobiliario exterior, así como tecidos fitnice para revestimentos de chan e paredes.

A empresa de Moraña realiza o proceso produtivo de fabricación de tecidos que lle encarga a compañía do seu grupo empresarial Vertisol Internacional SA, con sede en Granollers (Barcelona), para a súa venda ao seu cliente final.

O principal cliente ao que Vertisol Internacional vende os tecidos fabricados por Vertifil é Bandalux Industrial, cliente que antigamente formaba parte do mesmo grupo empresarial familiar, e que ten tamén unha planta en Moraña, na que Vertifil entrega gran parte da produción por encargo de Vertisol.