O 98% do persoal da empresa Componentes secunda a xornada de folga contra a conxelación salarial

A CIG e CCOO convocaron un día de paro para rexeitar o convenio que pretende impoñer a dirección
Vigo - 09 Feb 2017

A práctica totalidade do cadro de persoal de Componentes de Vehículos de Galicia, empresa do sector do automóbil con sede no Porriño e que fai parte do grupo Copo, secundou hoxe a xornada de folga convocada pola CIG e CCOO para rexeitar o convenio colectivo que pretende impoñer a dirección. As centrais denuncian que as propostas da compañía pasan por aplicar a conxelación salarial e por introducir penalizacións na prima de produción por incidencias que non dependen dos operarios/as.

Dende os sindicatos promotores da folga cifraron nun 98% o seu seguimento, xa que unicamente entraron a traballar os xefes/as de departamento. O resto do persoal, integrado por 68 traballadores/as, permaneceu dende as 6.00 horas concentrado ás portas da fábrica, situada no polígono porriñés das Gándaras.

O motivo da convocatoria é denunciar a intransixencia da empresa no que respecta á negociación do convenio e a súa negativa a consolidar calquera aumento salarial, “o que na práctica supón intentar impoñer unha conxelación de soldos”.
Ademais, a firma auxiliar do sector do automóbil pretende penalizar as incidencias de produción aínda que non dependan dos operarios/as, “que deste xeito verán mermada a súa contía”. Outro dos puntos de desacordo ten que ver coa distribución irregular da xornada.

As centrais xa anunciaron que no caso de que non se chegue a un acordo nos vindeiros días convocarán unha nova xornada de folga o martes 14, mentres que a partir do 16 o paro pasaría a ser indefinido.