A Pobra do Caramiñal acolleu unha histórica protesta contra Altri e contra a mina de Touro
Milleiros de persoas rexeitaron por terra e por mar os proxectos da macrocelulosa Altri e da mina de Touro “e para defender o noso país de depredadores e dun Goberno da Xunta que en vez de estar a carón da cidadanía alíase cos proxectos que queren espoliar a nosa terra e roubarnos a auga, poñendo en perigo a nosa vida, a nosa saúde e o noso pan; porque o río e a ría son o noso pan”, tal e como se sinalou no manifesto que se leu ao remate da histórica manifestación que colapsou A Pobra do Caramiñal o pasado domingo 22 de marzo.
Na localidade barbanzá déronse cita as xentes do mar e do rural e a veciñanza de vilas e cidades, que acudiron á chamada de auxilio dos sectores primarios deste país e porque, como denunciaron, “estades como nós preocupadas, indignadas e escandalizadas” porque a Xunta considere “estratéxicos” unha mina e unha macrocelulosa contaminante mentres “despreza os sectores agrogandeiro, pesqueiro, marisqueiro e bateeiro e fai oídos xordos ao clamor social contra estas bombas ambientais que ameazan o presente e o futuro do noso país”.
Por iso censuraron que mentres a Xunta do PP só considera de interese xeral a piscicultura, a mina de Touro ou a celulosa de Altri, non cualificou como tal o mexillón, o marisqueo ou a pesca de baixura, malia levar a proposta como ILP ao Parlamento apoiada por 19.000 sinaturas que se negou a valorar.
A manifestación tivo lugar no contexto da recente publicación no DOG da Declaración de Impacto Ambiental favorable a Altri en Palas de Rei, á beira do río Ulla, e a tamén recente sentenza do TSXG anulando a privatización dos procedementos de avaliación ambiental. E pechouse cunha reclamación ao Goberno español: que aclare a súa posición a respecto da mina e de Altri e que non facilite o financiamento público nin do Estado nin da Unión Europea.