Pro-CAPD Ourense convoca manifestación para pedir centro de atención a persoas con diversidade funcional

O vindeiro xoves día 2 dende a Casa de Chocolate ás 20.00 horas

Ourense -

A plataforma pro-CAPD de Ourense continúa coa súa campaña de información e mobilizacións para reclamar a creación dun centro público de atención a persoas con diversidade funcional, optando nesta ocasión por convocar unha manifestación o vindeiro xoves 2 de febreiro. Ademais, instalará mesas informativas en distintos puntos da cidade.

Segundo explican dende un colectivo que agrupa a numerosas organizacións sindicais, políticas e sociais -entre elas a CIG-, a decisión foi adoptada ante os incumprimentos por parte da Consellaría de Política Social, “que neste tempo amosou unha total incompetencia resolutiva e de xestión no que á diversidade funcional se refire”.

Neste senso, critican que o departamento autonómico se limite unicamente a reiterar a súa sensibilidade ao respecto, “xa que o único que fixo é iso, comunicados de prensa ao gusto dos cidadáns sen levalos á práctica”. En consecuencia, din sentirse “enganados e utilizados” nas últimas eleccións e logo “deixados de lado” polo conselleiro José Manuel Rey Varela.

Denuncian que para o desponsábel autonómico “é o mesmo un proxecto para un centro ocupacional que para un centro terapéutico e un centro 100% de xestión pública poder ter comedor cunha empresa de catering”.

Ademais, lembran que tanto a Deputación Provincial como o Concello de Ourense rexeitan o proxecto presentado pola Xunta “e respaldan as nosas reclamacións na súa totalidade”.

Diante disto, solicitaron unha reunión co presidente do Goberno galego para esixirlle unha explicación das actuacións levadas a cabo por Política Social. Ao mesmo tempo, anunciaron a instalación de mesas informativas en distintos puntos da cidade para trasladarlle á veciñanza as súas demandas e a convocatoria dunha manifestación o vindeiro xoves 2 de febreiro dende a Casa de Chocolate (Avenida da Habana) ás 20.00 horas.

 

Volver