A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo demanda o inicio inmediato do dragado

A Coruña - 18 Out 2018

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo desenvolveu unha concentración este xoves diante da Delegación do Goberno na Coruña para esixir a posta en marcha inmediata das actuacións necesarias para a rexeneración, recuperación e o saneamento integral deste espazo. Lembran que, a pesar de existir proxecto para o dragado da ría, este non está nin licitado, nin ten dotación económica nin están definidos os prazos de execución.

O colectivo, do que forma parte a CIG, reclámalle celeridade á Xunta de Galiza e ao Goberno español para levar adiante esta actuación, porque cada día que pasa a ría está máis degradada e consumida polos lodos e a actividade marisqueira vese máis empobrecida e limitada na súa capacidade produtiva.

Neste senso, a CIG ten subliñado en reiteradas ocasións a importancia de recuperar este espazo, non só como necesidade ambiental, senón tamén como unha aposta pala economía produtiva, dado o potencial da ría como motor da reactivación económica da comarca da Coruña e pola súa capacidade xeradora de emprego.