A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público presenta as accións que desenvolverá na campaña contra as reválidas

Convocará concentracións o día 4 de maio en cidades e vilas; o 9 de maio durante o recreo nos centros e o 11 de maio, diante da consellaría
Compostela - 25 Abr 2016
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que continúa na loita contra a LOMCE, vén de pór en marcha a campaña contra as reválidas para que as familias non envíen os seus fillos/as a facer as probas xerais de Primaria. Por iso presentaron este luns as diferentes accións que teñen convocado co obxectivo de facer inviábeis as probas.

Entre as accións previstas anunciaron que promoverán a aprobación nos claustros e consellos escolares de resolucións contra as reválidas para o seu envío á Consellaría, ademais da colocación de pancartas ou cartaces nos centros co lema “Nin LOMCE nin reválidas”.

Tamén se convocarán concentracións o 4 de maio pola tarde nas seguintes vilas e cidades:

  • Santiago (Praza Roxa ás 18:30 horas)
  • A Coruña (Obelisco ás 19 horas)
  • Lugo (diante do edificio sindical Ronda da Muralla ás 19 horas)
  • Vigo (na Farola de Urzaiz ás 19:30 horas)
  • Carballo (Praza do  Concello ás 20 horas)
  • Ferrol (Praza de Amada García ás 20 horas)
  • Pontevedra (Praza da Peregrina ás 20 horas)
  • Vilagarcía (Praza de Galiza ás 20 horas)
  • Ourense (Xardíns Padre Feixoo de Ourense ás 20 horas)
  • Cee (diante do CEIP Eugenio López ás 20 horas)

Posteriormente, o día 9 de maio, durante o recreo, haberá concentracións nos propios centros escolares e outra concentración diante da consellaría de Educación o día 11, coincidindo coa data de comezo das probas.

Ademais a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público distribuirá tamén entre as familias un modelo de escrito, dirixido ás direccións dos centros, para amosar o seu rexeitamento ás reválidas.

A este respecto, Anxo Louzao, explicou, en representación da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que “observamos con moita preocupación a posición da Consellaría de Educación que segue obstinada en seguir adiante con estas probas cando un número importante de comunidades autónomas xa anunciaron que non as van facer”.

A isto engadiu que estas probas emanan da LOMCE e que o Congreso dos Deputados xa aprobou unha iniciativa para paralizar a súa aplicación, tal e como lle demandou no seu día a Plataforma aos grupos parlamentarios.

Para a  Plataforma estas probas son unha “aberración” desde o punto de vista pedagóxico xa que non teñen en consideración a avaliación continua, “desprezan o traballo do profesorado, que é quen mellor pode avaliar alumnado; someten aos rapaces e rapazas a un calvario e a unha presión innecesaria, co obxectivo de estandarizar e uniformar o sistema educativo e de crear un ranking de centros”, explicou Louzao.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público reafirmou a súa intención de combater desde o principio as probas, xa que van ser determinantes para a continuidade nos estudos, parten da desconfianza do profesorado e suporán un obstáculo máis para as clases desfavorecidas. Por todo isto a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fai un chamamento a todas as familias para que as pretensións da Consellaría de Educación sexan un verdadeiro fracaso.