A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga xeral estudantil do 16 de novembro
"O PP demostra co seu desleixo que a educación ten prioridade cero na súa acción de goberno"
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público trasladou o seu apoio á convocatoria de folga realizada por Erguer. Estudantes da Galiza para o vindeiro 16 de outubro e á que está chamado a participar todo o alumnado, tanto do ensino secundario como do superior, ao entender que responde á necesidade de facer fronte á involución que a LOMCE e os recortes educativos supuxeron e seguen a supoñer na actualidade.
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o portavoz da Plataforma, Suso Bermello, lembrou a parálise de todo o relacionado coa LOMCE que se vive a nivel estatal desde o inicio da lexislatura. "O goberno do PP está aproveitando a conxuntura para implantar a LOMCE de facto e conta cunha oposición en Madrid que incumpre os seus compromisos e non é quen de impedir que a modificación da lei permaneza atascada nunha subcomisión do Congreso, da que nada se sabe e que non é máis que un paripé para dar a entender que existe un debate arredor da súa implantación", asevera.
Así pois, "con este desleixo absoluto", engade o portavoz da Plataforma Galega, "o goberno do PP non fai máis que demostrar que a educación ten prioridade cero nos seus plans e que pretende ir implantando esta lei coa mesma unilateralidade e autoritarismo que caracterizou toda a tramitación da LOMCE".
No mesmo sentido pronunciouse a voceira de Erguer, Iria Figueroa ao lembrar que "tras a suspensión das reválidas o pasado curso, após seren amplamente contestadas pola comunidade educativa, neste ano escolar a LOMCE pasa sen pena nin gloria, esquecida no debate político. Unha vez eliminado o aspecto da lei que xerou máis escándalo, esta parece agora inofensiva, cando é evidente que o problema da LOMCE é de fondo: de modelo e de proxecto. É por isto que é necesario plantarlle cara e exixir de novo a súa derrogación para que non caia no esquecemento público que interesadamente está a buscar o Ministerio”.
Recortes no ensino público
Pero a convocatoria de folga vai máis aló de estar centrada só na LOMCE ou no Decreto do 3+2 nas Universidades. Os sucesivos recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que viñeron realizando os gobernos da Xunta e de Madrid no ensino galego nos últimos anos tamén están enriba da mesa como causas deste paro estudantil.
A redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas, a ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de efectivos (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran cando menos as xubilacións), a alta taxa de interinidade na docencia que leva a que non existan cadros estábeis nos centros que permitan a posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino, son outras das realidades ás que se enfronta cada día o estudantado galego.
Sen esquecer os recortes en todo o relacionado coa atención á diversidade e aos programas de reforzo educativo, as carencias nalgunhas infraestruturas e no equipamento dos centros, o peche de unidades e de ciclos, o aumento dos servizos de pagamento tanto no ensino universitario como no medio, o endurecemento do acceso á Universidade ou ao ensino superior para as persoas con menos recursos promovendo unha educación elitista. Pola defensa dunha Lei Galega de Educación
A folga servirá tamén para defender un marco legal propio a nivel galego en forma de Lei Galega de Educación. A voceira de Erguer explicou que a comezos de curso fixeron asembleas abertas en 70 centros públicos galegos para artellar propostas que se puideran incluír nesta norma e que o pasado 16 de outubro celebraron un referendo, obtendo un 94% de apoio a ditas propostas. Alén de presentarlle estes resultados á Consellaría para que rectifique as súas políticas, Iria Figueroa aproveitou tamén para pedirlle ao goberno da Xunta “que aposte por un modelo educativo radicalmente distinto, verdadeiramente pedagóxico e baseado na formación práctica e na avaliación continua, no canto de fundamentarse en probas puntuais que marcan por completo o noso futuro académico”.
A situación da impartición de aulas no noso idioma tamén ten un papel central no deseño dunha Lei propia, co urxente impulso da normalización do idioma, tras anos relegado a un segundo plano primeiro co Decreto de Plurilingüismo e despois coa propia LOMCE. “Faise necesario un aumento das horas lectivas impartidas en galego e comezarmos a incluír nos currículos das distintas materias todos aqueles aspectos da nosa historia e cultura propias que son relegados ao esquecemento pola uniformización do que estudamos cos contidos do resto do Estado español”, engade Figueroa.
Por último fixo un chamamento a participar nesta convocatoria de folga estudantil “co obxectivo de lembrarlle ao PP que as súas políticas teñen enfronte a todo o estudantado galego”. Ao tempo, desde a PGDEP anímase ao profesorado e ás nais e pais e facilitar a participación en todas as mobilizacións previstas para a xornada de folga en todo o país.
Manifestacións o día 16, ás 12 horas
Ferrol. Edificio da Xunta.
A Coruña. Praza de Vigo.
Santiago de Compostela. Alameda.
Melide. IES de Melide.
Pontevedra. Praza da Peregrina.
Vigo. Praza América
Ourense. Subdelegación do Goberno.
Lugo. Praza do Seminario
Tamén haberá concentracións, ás 12 horas, en:
Lalín. Praza da Igrexa.
Vilagarcía. Praza de Galiza.
Cangas. Praza do Concello.
Moaña. Praza do Concello.