A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoia a folga convocada polo estudantado no ensino medio e universitario

O paro realizarase o mércores 13 de abril baixo o lema “Defender o público é defender o futuro, nin imposicións españolas nin europeas, non á LOMCE e non ao 3+2”
A Coruña - 12 Abr 2016
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público fixo público o apoio a folga convocada polo estudantado galego no ensino secundario e universitario para o mércores 13 de abril, baixo o lema “Defender o público é defender o futuro, nin imposicións españolas nin europeas, non á LOMCE e non ao 3+2”. 

Para a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público son numerosas as razóns que xustifican esta convocatoria. “É totalmente inaceptábel que a Consellaría de Educación continúe obcecada coa aplicación da LOMCE, malia a constatación de que está a supor unha involución educativa e un deterioro do ensino público”, denuncian.

Para o colectivo (do que forma parte a CIG) a disposición do departamento autonómico a convocar este curso a proba xeral de 3º de Primaria e a proba de avaliación final de 6º de Primaria “son a evidencia de que sufrimos unha Consellaría que actúa exclusivamente en función dos seus intereses ideolóxicos e partidarios e con total submisión ao Goberno de Madrid, no canto de proceder en función das necesidades do sistema educativo galego”.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público participará tamén nas manifestación previstas para esixir a paralización e derrogación da LOMCE e, por tanto, das reválidas.