Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Comarca Monterrei convoca unha manifestación este sábado

A marcha por unha sanidade pública e de calidade sairá da Praza do Concello de Verín ás 18.30 horas
Ourense - 14 Mar 2017

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei convoca unha manifestación este sábado 18 en Verín para reclamar unha sanidade pública e de calidade na bisbarra e denunciar as numersoas deficiencias detectadas na prestación sanitaria. A marcha -cuxa convocatoria foi decidida en asemblea o pasado mes de febreiro- arrincará da Praza do Concello ás 18.30 horas.

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Comarca de Monterrei, da que fai parte a CIG, decidiu convocar unha manifestación para reclamar unha sanidade pública e da calidade na bisbarra. A decisión foi adoptada na asemblea celebrada no salón de actos da Casa da Cultura de Verín o pasado mes de febreiro na que participaron representantes de numerosas organizacións sindicais, políticas e sociais.

 

Dende a central explican que entre os principais motivos da convocatoria salientan a redución de efectivos do servizo de medicina interna, “necesarios para a cobertura dos servizos de coidados paliativos e hospitalización a domicilio”; a necesidade de dotación de pediatría hospitalaria; o feito de que a unidade de paritorio non conte cun servizo de pediatría hospitalaria; a redución de persoal nos centros de saúde, “que provoca un deterioro na atención sanitaria”; e as longas listas de espera cirúrxicas con derivación de pacientes a centros privados.