"A piques de quedar sen emprego, o cadro de persoal segue a ser vítima das ruíns actuacións do Grupo Deus"

As empregadas, que levan un mes en folga, volveron marchar por Ordes contra o ERE e polo cobro de soldos
Ordes - 29 Mar 2017

Case un mes despois de iniciar folga, as traballadoras de Grupo Deus volvían marchar este mércores polas rúas de Ordes para denunciar os 103 despedimentos e o impago dos salarios, que xa acada as seis mensualidades. Aínda que a folga continúa, esta é a última manifestación que as traballadoras van realizar pola vila, xa que o luns 3 de abril faranse efectivos todos os despedimentos. Porén, advertiron que a loita non remata pois "por dereito, temos moito que esixir ".

O vindeiro luns, 43 traballadoras de Shivshi e 40 de Deus Creaciones pasarán a engrosar as listas do desemprego, xunto coas 20 compañeiras de Confecciones Deus que xa foron despedidas o pasado día 20. Consumarase así unha nova desfeita laboral na comarca de Ordes e un expediente de regulación que a todas luces "é unha fraude".

Porén, "a partir do día 3 nin moito menos se pode dar por rematado o conflito, a guerra seguirá nos xulgados porque, grazas a reforma laboral, as traballadoras terán que acudir á xustiza para reclamar o seu dereito lexítimo a manter o emprego, a cobrar os salarios e a indemnización que legalmente lle corresponde polo despedimento", aseveraba Dores Martínez ao remate da marcha a pé.

A Secretaria Nacional da FGAMT-CIG lembrou que nas propias cartas de despedimento a empresa fai constar "con total alegría e impunidade" a súa intención de "non pagar nin un só céntimo de euro" da débeda económica que mantén coas traballadoras.

Xunto a isto, subliñou que, ás portas de ficar oficialmente sen emprego, as traballadoras de Grupo Deus continúan sendo vítimas das miserentas actuacións dunhas empresarias, 'Toñita' e 'Carmiña', "que nin sequera son quen de preparar a documentación para que as traballadoras poidan acceder á prestación por desemprego. Nin sequera os certificados de cotización están feitos de xeito regular, nin as cartas de despedimento son conformes á legalidade", denunciou Dores Martínez.

Consecuencias da reforma laboral

Unha vez máis, a responsábel sindical acusou ao goberno do PP de Mariano Rajoy de permitir que empresas como Grupo Deus poidan actuar impunemente, executando 103 despedimentos de xeito fraudulento, sen asumir a débeda salarial contraída co persoal, sen ningunha garantía de que van cobrar e deixando na máis absoluta inseguridade as traballadoras que seguirán no seu posto. "Isto non deixa de ser unha consecuencia directa da aplicación da reforma laboral", criticou.

Proxecto de reindustrialización para a comarca

A Secretaria da FGAMT-CIG destacou que a desfeita laboral no Grupo Deus hai non é unha situación illada na comarca. Ao drama destes 103 despedimentos, subliñou, hai que engadir os despedimentos en Viriato, Téxtil Mendo, Senla Punto, Cosurona ou Corpiño Téxtil. "Esta comarca precisa dun proxecto de reindustrialización para absorber toda esa man de obra máis que profesional do sector do téxtil, que a día de hoxe non ten un posto de traballo alternativo", demandou.

Neste senso, subliñou que toda a comarca se resinte cando hai unha perda de emprego como a executada por Grupo Deus. Algo do que é ben consciente o comercio local que, unha vez máis, pechou as súas portas ao paso da marcha das traballadoras para sumarse ao percorrido. Un xesto solidario que foi especialmente agradecido polas traballadoras.

"Seguiremos pelexando por un posto de traballo. Que o ánimo non decaia que isto non remata; temos moito que pelexar e moito que esixir, non se trata de pedir por favor, senón de pedir por dereito", concluíu Martínez Castelo.